O Concello de Piñor pon en marcha o programa de actividades infantís do vindeiro verán de 2025, ‘Piñor Concilia Diververán’, co que, como cada ano, o Concello de Piñor pretende contribuír á conciliación da vida familiar e laboral, ademais de ofrecer alternativas lúdico‐educativas ós cativos, pois o verán é un momento ideal para desfrutar e á vez aprender.
Estas actividades están integradas dentro do proxecto de Plans Corresponsables denominado ‘Piñor Concilia’, que persegue ofrecer servizos de conciliación ás familias durante os períodos de vacacións escolares, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade.
Así, ‘Piñor Concilia Diververán’ consiste en actividades dende o 30 de xuño ó 5 de setembro, organizadas en quendas semanais, de luns a venres de 9,00 a 14,00 horas, onde os cativos de entre 3 a 12 anos poderán desfrutar de talleres e xogos moi variados. O lugar onde se desenvolverá esta iniciativa será o Centro Cultural de Arenteiro.
Co obxectivo de facilitar unha organización axeitada das devanditas actividades, o Concello de Piñor abríu hoxe un prazo de inscrición que se extenderá ata ó 9 de xuño. No departamento municipal de Servizos Sociais ofrecerán aos interesados máis información e a documentación para formalizar a inscrición no programa, que é totalmente gratuita.
Tamén poderá descargar a solicitude e resto de documentos dende a Sede Electrónica do Concello de Piñor, e presentala por este mesmo medio, onde tamén pode consultar as bases de adxudicación de prazas de admisión neste programa de conciliación.