O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Maside expresa a súa fonda preocupación pola falta de información clara e actualizada por parte do goberno municipal respecto á calidade da auga da traída e pola súa nefasta xestión da situación. Lembran que o pasado 2 de maio, o Concello de Maside fixo público un bando no que se advertía da presenza de parámetros non aptos na auga da billa, recomendando non consumila para uso alimentario. Porén, engaden, o contido do bando era vago e insuficiente, sen explicacións detalladas nin información sobre as causas nin as medidas adoptadas para protexer a saúde da veciñanza.
Segundo consta na páxina oficial do Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo (SINAC), a última analítica publicada, datada no 7 de febreiro de 2025, “xa indicaba que a auga non era apta para o consumo humano. A veciñanza descoñece se daquela se produciu unha situación similar á actual, e non foi informada en ningún momento sobre esa circunstancia, polo que esiximos explicacións inmediatas. Ademais, a día de hoxe, non se emitiu ningún novo bando que informe da resolución do problema, nin se publicou ningunha nova analítica que acredite que a auga volve ser apta para o consumo”, apuntan dende o BNG masidao.
Ao respecto, os nacionalistas de Maside preguntan “Cál é o estado real da auga da traída neste momento? Por qué non se informou á veciñanza da situación detectada xa en febreiro? Por qué non se está a garantir un subministro alternativo de auga potable mentres persiste o problema?”.
O BNG de Maside manifesta que “o Concello ten a obriga legal e moral de garantir que toda a veciñanza teña acceso a auga apta para o consumo, xa sexa mediante cistermas móbiles ou reparto de auga en garrafas. A día de hoxe non temos constancia de que se estea a facer nada diso, e a cidadanía segue sen respostas nin solucións claras”.
Ademais, o grupo dos nacionalistas asegura ter trasladado formalmente esta preocupación á Corporación Municipal mediante un escrito, “sen obter resposta ningunha por parte do goberno local” . O BNG de Maside esixe a publicación inmediata dunha nova analítica oficial, a actualización da información no SINAC e a explicación pública das medidas adoptadas, xa que entenden que “a saúde da veciñanza e o dereito á información non poden seguir agardando”.