O Concello de Ribadavia vén de abrir o prazo para solicitar praza no programa “Concilia no Verán 2025”, unha iniciativa pensada para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante os meses estivais, ao tempo que ofrece unha experiencia educativa e lúdica para nenos e nenas de entre 3 e 14 anos.
O programa desenvolverase do 23 de xuño ao 5 de setembro, en horario de 9,00 a 14,00 horas de luns a venres, con posibilidade de ampliación desde as 8,30 horas mediante o servizo de conciliación de primeira hora. As solicitudes poderán presentarse dende este 26 de maio e ata o 6 de xuño no Departamento de Servizos Sociais do Concello ou a través da sede electrónica: https://ribadavia.sedelectronica.gal.
O número de prazas varía segundo o mes, cun máximo de 130 participantes en xullo. As tarifas oscilan entre os 5 e os 60 euros para empadroados, con bonificacións para familias numerosas, monoparentais ou con menores con discapacidade. Este ano, ademais, é a primeira vez que hai conciliación durante o mes de setembro (do 1 ao 5) para así cumprir, tal e como era vontade do goberno local, coas posibilidades de conciliación durante todo o periodo de verán non lectivo, de xeito que se facilite a conciliación familiar e laboral durate todo o periodo vacacional.
“Para o noso goberno, a aposta pola conciliación e a colaboración coas familias é unha prioridade, por iso neste ano decidimos aumentar o período do servizo de conciliación tamén aos días non lectivos do inicio de setembro, respondendo a unha demanda permanente das familias de Ribadavia”, declara o alcalde, César Fernández, sobre a ampliación do periodo deste programa.
O rexedor tamén fai fincapé en que a conciliación é unha das prioritarias do seu goberno: “Dende o inicio do mandato estamos a reforzar e mellorar estes servizos, sendo plenamente conscientes de que apostando por facilitar a conciliación ás familias, estamos a convertir a Ribadavia nun lugar cada vez máis atractivo para que a xente nova poida desenvolveu o seu proxecto vital aquí”, destaca.
Ademais, o Concello informa de que tamén está aberto o prazo de inscrición no Conservatorio Profesional de Música e na Escola de Música de Ribadavia, unha oportunidade para que a mocidade do municipio siga desenvolvendo o seu talento artístico no vindeiro curso académico.