https://www.facebook.com/share/v/15LVw72tf7
A localidade de Castrelo de Miño acolleu este domingo a tradicional feira mensual e a primeira edición da ‘Andaina da Anguía’, organizada pola asociación Festa da Anguía coa colaboración do Çoncello. Neste mercado que se celebra ao longo de todo ano os últimos domingos de cada mes, podemos atopar produtos naturais e ecolóxicos da contorna do municipio; maquinaria agrícola e de adega; produtos de alimentación; artesanía e diferentes postos de venda de roupa e outros complementos.
A xornada matinal no campo da festa da localidade de Barral, á beira do río Miño, estivo amenizada polo acompañamento musical de gaiteiras e un grupo de pandereteiras que asiste a un obradoiro deste instrumento que se imparte no Concello.
E tamén do lugar de Barral partiron os participantes na “I Andaina da Anguía”, cun itinerario circular cunha distancia de 10 quilómetros e dificultade moderada, cheo de paisaxes impresionantes, aire puro e moi boa compañía. As persoas inscritas nesta actividade deportiva saíron ao fío das 10,00 para chegar de volta tras máis de dúas horas de percorrido, no que había puntos de avituallamento, e onde lles esperaba unha degustación de pinchos e sorteo de agasallos.