I Como novidade, esta edición celebrarase no propio Hospital Universitario de Ourense, centro co que o Espazo +60 Afundación de Ourense colabora habitualmente a través de diferentes iniciativas
I Os produtos artesanais foron elaborados por persoas socias do Espazo +60 participantes no programa de voluntariado da Obra Social de ABANCA e a recadación doarase ao programa «O Carriño Don Amable» da AECC de Ourense
26.05.2025. O Espazo +60 Afundación de Ourense celebrará mañá martes 27 de maio a súa tradicional «Tenda solidaria». Como novidade, nesta ocasión celebrarase no propio Hospital Universitario de Ourense, un centro co que colabora de xeito habitual mediante iniciativas de voluntariado a través do Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. O obxectivo é recadar fondos para «O Carriño Don Amable» da Asociación contra o Cancro de Ourense, un proxecto do programa de atención ao enfermo e á familia oncolóxica que leva a cabo con persoas voluntarias especializadas na enfermidade nas plantas de oncoloxía do Hospital Universitario de Ourense e do Hospital do Barco de Valdeorras.
Os produtos que se poden comprar na tenda solidaria, que estará aberta mañá martes 27 de naio de 10.00 a 19.00 h, foron elaborados por persoas voluntarias participantes no «Obradoiro solidario» que se celebra durante todo o ano no Espazo+60 de Ourense. Botado a andar no 1999, este obradoiro desenvólvese agora no marco do programa «O valor da experiencia» da Área de Maiores da Obra social de ABANCA, que ten como obxectivo potenciar o papel activo dos maiores na sociedade e o desenvolvemento de actividades interxeracionais e de voluntariado. A actividade ten tamén como finalidade o desenvolvemento de hábitos de reciclaxe e promove a creatividade e a imaxinación á vez que fomenta a solidariedade e a cooperación entre as persoas participantes.