Compradores de 18 países coñecerán o viño galego de calidade en ‘Ourense Vinis Terrae’

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

‘Ourense Vinis Terrae’ celebrarase os 2 e 3 de xuño consolidado como o único salón exclusivamente profesional e destinado aos viños autóctonos. De carácter bienal, o Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade celebrará a súa undécima edición que contará coa participación de importadores e compradores de 18 países que terán a oportunidade de coñecer as últimas anadas de adegas expositoras, todas elas adscritas ás cinco Denominacións de Orixe presentes, sendo catro delas da provincia de Ourense (Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra, Valdeorras). A estas únense a D.O. Rías Baixas e as IXP de Viños de Galicia como Val do Miño e Betanzos. Esta edición contará coa participación de 47 adegas expositoras.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Os datos de participación desta nova edición de Ourense Vinis Terrae foron presentados esta mañá en rolda de prensa nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo Cid; o deputado provincial de Ourense, Jorge Pumar Tesouro; e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. Durante este acto destacouse que Ourense Vinis Terrae converteuse nunha ferramenta de internacionalización ao servizo das pequenas e medianas empresas galegas, facilitando a exportación a mercados aos que resultaría máis complicado acceder polas canles habituais.

O contacto directo entre os produtores (na maior parte dos casos microempresas) e os importadores, xera novas oportunidades no mercado exterior. Esta nova edición do salón abrirá aos viticultores novos canles de mercado máis aló do canle HORECA e contribuirá á internacionalización dun sector punteiro con gran arraigamento en Ourense e Galicia posicionando o seu patrimonio varietal. Participan nesta edición desde adegas de pequenos produtores ou “colleiteiros” ata grandes grupos adegueiros.

Este salón pon en contacto directo aos 47 expositores con importadores procedentes de 18 países (Alemaña, Bélxica, Costa Rica, Dinamarca, España, Estados Unidos, Estonia, Filipinas, Finlandia, Irlanda, Italia, Noruega, Países Baixos, Polonia, Reino Unido, República Checa, Suecia e Suíza). O programa de actividades inclúe a celebración da IV Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae na que participarán os viños das adegas expositoras no salón. Esta cata contará cun xurado profesional no que participarán representantes das asociacións enólogos, catadoras e catadores de distintas partes de España. A entrega de premios desta cata terá lugar o martes 3 de xuño ás 17.30 h. en Expourense.

Esta edición de Ourense Vinis Terrae volverá contar cun Túnel do Viño e Licores e Augardentes, un escaparate que ofrecerá a visitantes e a expositores un espazo no que se expoñerán 104 referencias de todas as denominacións de orixe de Galicia presentes no salón. O obxectivo é que os profesionais poidan coñecer os distintos viños presentes e, desta forma, os compradores terán a posibilidade de coñecer un maior número de referencias, ademais das que xa coñecerán a través da súa axenda de citas.

‘Ourense Vinis Terrae’ abrirá as súas portas os días 2 e 3 de xuño en horario de 10,00 a 18,00 horas. A acreditación profesional, de carácter gratuíto, pode realizarse a través da web (www.vinisterrae.es) ou directamente no recinto feiral. Organizado por Expourense, Ourense Vinis Terrae 2025 conta co apoio fundamental da Xunta de Galicia a través da Axencia de Calidade Agroalimentaria (AGACAL) adscrita á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense.