O ‘Trofeo Terras de Orcellón’ de patinaxe artística na modalidade de grupos ‘show’, organizado polo club Aehde, vivirá ao longo de toda a fin de semana (sábado 31 e domingo 1) no pavillón Paco Chao do Carballiño a súa quinta edición ca participación de preto de medio milleiro de patinadoras e patinadores, pertencentes a 23 clubs de toda Galicia e que se distribuirán en 10 categorías diferentes nos rangos primeiro, segundo e iniciación.
A presentación deste evento tivo lugar hoxe na Casa do Concello, coa presenza do concelleiro de Deportes, José Castro-Gil; o presidente de Aehde, Uxío Álvarez, que estivo acompañado por unha monitora do club, Nieves González. Uxío Álvarez salientou que “iste é un dos trofeos que comeza a ser un referente a nivel galego na modalidade de ‘show’, e nós sempre apostamos para que O Carballiño tamén o sexa no eido da patinaxe”. Pola súa banda, Nieves González avanzou a participación de tres grupos de entre 6 e 12 patinadoras do club o sábado, e outros dous en primeira e segunda categoría o domingo”.
O sábado será a quenda dos grupos de iniciación, os grupos grandes e tamén os júniors, quedando para o domingo os grupos pequenos de primeira e segunda e as tres categorías de cuartetos. Os adestramentos arrancarán pola mañá ás 10,00 horas, e, a competición ás 16,30 horas nas dúas xornadas.
O Club Aehde, que leva apostando por este evento dende o ano 2019 e que so faltou a súas cita no ano da pandemia, participará neste evento con tres shows diferentes en primeira categoría; segunda, que arrancou este ano en competición oficial, e iniciación, que trata de promocionar a disciplina e que apenas existe nos outros torneos de Galicia. O ‘Terras de Orcellón’ será regulado por xuíces da Federación Galega de Patinaxe e conta co apoio do Concello do Carballiño e a Deputación de Ourense.