A alerta contra os eólicos segue activa no Coto Novelle

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Celebrouse a primeira Marcha en Defensa do monte que separa o Arnoia do Miño e unha reunión de colectivos da provincia para coordinar accións contra a invasión eólica.

O Veciñas de Cartelle e A Arnoia e activistas contra a invasión eólica convocados por Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova reclamaron onte no Coto Novelle que a Xunta de Galiza desestime o proxecto híbrido de produción de enerxía, presentado pola empresa madrileña Aratel, que pretende chantar aeroxeradores de 220 metros de altura sobre este monte que separa as comarcas de Celanova e do Ribeiro e uns 16.000 módulos fotovoltaicos nunha área gandeira situada a cinco quilómetros da faldra este.

A I MARCHA EN DEFENSA DO COTO NOVELLE reclamou a atención da veciñanza diante da ameaza que pende sobre un espazo natural de alto valor ecolóxico, paisaxístico e patrimonial, e sobre veciñas e veciños de aldeas como Oleiros o Calvelos, situadas a menos dun quilómetro de distancia dos terreos nos que se proxectan os aeroxeradores, co conseguinte risco para a saúde das persoas, como consecuencia do ruído e das sombras do polígono, e a depreciación do valor das súas propiedades.

O proxecto híbrido (eólica máis fotovoltaica), fragmentado para rebaixar a potencia conxunta, por riba dos 50 MW, o que esixiría a súa tramitación polo MITECO, está a trámite na Xunta de Galiza, no que os colectivos ecoloxistas vimos denunciando como unha fraude máis nos procedementos, cada vez máis limitadores da participación pública e menos esixentes coas condicións de preservación do medio ambiente, da paisaxe e da saúde das persoas e os animais.

Nas comarcas da Limia e de Celanova, desde 2021, recibiron Declaración de Impacto Ambiental desfavorábel seis macropolígonos eólicos (PE Monte da Neve, PE Fontesanta, PE Lamas de Feás, PE Mistral, PE Tramontana e PE San Martiño) e unha declaración favorábel limitada a 1 só aeroxerador no caso do PE Lamas II. Estes proxectos desbotados polos avaliadores ambientais da Administración implicaron tres Área de Desenvolvemento Eólico distintas.

Porén, os proxectos continúan chovendo sobre as nosas comarcas. Ademais do PE Arnoia, este proxecto híbrido entre Cartelle e Castrelo do Miño, está a trámite no MITECO desde hai ano e medio o denominado Clúster da Limia, que afecta 18 concellos con tres macro polígonos e unha LAT de máis de 90 quilómetros), e en trámites previos (pendente de iniciar o procedemento público) diante da Xunta o PE Cantanarrás, precisamente nunha das ADE nas que xa se desestimaron proxectos anteriores dados os moi severos impactos ambientais.

A semana pasada, foron presentados no MITECO até 5 macropolígonos eólicos no sur de Lugo (2) e nas Terras de Montes (3) con máis de 290 MW de potencia conxunta, novas subestacións e Liñas de Alta Tensión que desembocarían todos en Castrelo de Miño, afectando ademais aos concellos de Cenlle, O Carballiño, O Irixo, Leiro, Piñor, San Amaro, San Cristovo de Cea, Ribadavia e Vilamarín.

Onte, nunha reunión posterior á andaina en DEFENSA DO COTO NOVELLE, colectivos contra a invasión eólica da provincia de Ourense acordamos emprender accións coordinadas cos colectivos e organizacións de Lugo e Pontevedra que loitan contra estas novas ameazas, lembrando que hai un ano xa se freou o denominado PE Avoceta, no lide occidental das provincias de Lugo e Ourense coa determinante intervención da plataforma Salvemos a Serra da Martiñá..

PUBLICIDADE