A Confederación de Empresarios de Ourense acolleu este mediodía a presentación da 58 edición do Rallye Ourense Recalvi, cita puntuable para o Supercampeonato de España de Rallyes e que terá lugar os días 12,13 e 14 de xuño.
A cita ourensá, un clásico dentro do certame nacional, contará con 76 equipos na lista de rexistrados, con máis dunha decena de vehículos da categoría Rally2 (estarán todos os candidatos ao título) e varias unidades R-GT, no que promete ser unha das edicións máis emocionantes que se lembran.
Ademais, serán oito os equipos encadrados dentro da Copa Hyundai I20N, que se unen aos máis de 40 equipos dentro do Trofeo Escuadra Ourense.

O itinerario, tal e como se debullou na presentación, contará con importante novidades, a primeira delas a disputa das segundas pasadas da xornada do venres en formato nocturno, algo que facía moitas tempadas que non sucedía.
Ademais, para o sábado, quenda para as novidades no percorrido, coa visita a catro novos concellos, o que demostra o impacto e repercusión que ten a cita ourensá (a nota inclúe os horarios das dúas xornadas).

Na presentación estiveron presentes Jano Fraga, presidente de Escudería Ourense; Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense; Antonio Rodríguez Troitiño, presidente da Federación Galega de Automobilismo; José Vicente Medina, vicepresidente da Real Federación Española de Automobilismo; Anibal Pereira, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes do Concello de Ourense e Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense.
Todos eles destacaron a importancia da cita ourensá na tradición da provincia, considerándoa un evento imprescindible e que xa forma da cultura de todos e todas as ourensás.
A lista de rexistrados do 58 Rally de Ourense será publicada o día 6 de xuño ás 20:00 horas.