A Fundación Expourense, Elisa Collarte e Vinetur recibirán os “XIV Premios D.O. Ribeiro” o vindeiro 26 de xuño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro entregará o próximo 26 de xuño os XIV Premios D.O. Ribeiro no restaurante A Carballeira de Santa Cruz, en Santa Cruz de Arrabaldo, nunha gala na que se “celebrará a calidade dos nosos viños e das persoas que o fan posible”, tal e como sinalou a presidenta do Consello Regulador, Concha Iglesias, quen quixo felicitar a todos os premiados e agradecer, “tanto o seu compromiso coa tradición vitivinícola e os seus esforzos, como o seu labor de difusión destacando as excelencias do noso produto”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Nesta edición, o Premio Vida entre Vides será para a viticultora e ‘colleiteira’ Elisa Collarte, mentres que o Premio Ribeiro en Nós será para a Fundación Expourense, sendo esta a cuarta vez que se entregará esta distinción, tras recibilo a película ‘Cuñados’ (2022), a investigadora Emilia Díaz Losada (2023), e a Festa da Istoria de Ribadavia (2024).

Pola súa banda, o Premio Mellor Tarefa de Comunicación será nesta ocasión para a revista especializada dixital Vinetur.

A eles sumaranse en próximos días os distinguidos como Persoeiro de Honra e Premio Muller e Viño. Ademais, a C.R.D.O. Ribeiro tamén premiará a Mellor Taberna-Bar de Viños, a Mellor Vinoteca–Tenda Especializada e o Mellor Servizo de Viño en Restaurante.

ELISA COLLARTE. Premio Vida entre Vides

A viticultura e colleiteira Elisa Collarte herdou da súa familia a paixón polo campo, tomando as rendas en 1989 dunha das adegas máis antigas da Denominación de Orixe Ribeiro. O que comezou cunha hectárea de viñedo propio, pronto chegou a ser de seis hectáreas, cuxa práctica totalidade da produción dedícase a variedades de uva branca autóctonas como a Treixadura, Godello, Loureira e Albariño. “Moi feliz con este recoñecemento que premia todo o esforzo feito todos estes anos”, resalta a “dureza” dun traballo “que se foi modernizando aos poucos”, destacando o apoio que tivo sempre do seu marido, co que compartiu “longas xornadas de traballo en épocas moi complicadas”, ata a súa xubilación hai un ano, pasando a testemuña a un dos seus fillos.

FUNDACIÓN EXPOURENSE. Premio Ribeiro en Nós

Dedicada á promoción de actividades industriais e accións sociais e educativas, a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, celebra unha media de 10 feiras ao ano que viran ao redor das potencialidades da provincia, mostrando sempre o seu interese pola gastronomía e a viticultura.

Ademais, a súa boa disposición para a celebración de salóns e feiras, como Vinis Terrae ou Xantar, nas que expoñer os viños galegos de calidade, foi de gran importancia para facilitar a internacionalización das adegas, propoñendo encontros entre expositores e compradores así como a conquista de novos mercados.

VINETUR. Mellor Tarefa de Comunicación

Fundada por Emanuel Casais hai 16 anos en Vilagarcía de Arousa, Vinetur é a revista dixital líder do sector do viño en español. Con máis de sete millóns de usuarios e máis de 12 millóns de visitas constantes, proporciona información sobre viños e actividades relacionadas co sector, así como as últimas novidades do enoturismo, a actualidade das adegas, economía, agricultura, mercados, márketing, hostalería e gastronomía, entre outros.

Ademais e como xa vén sendo tradicional, no transcurso da gala entregaranse os premios aos viños gañadores da Cata Oficial que se coñecerán durante a propia cerimonia.