https://www.facebook.com/share/v/1ZvJAdvgX5
O municipio de Carballeda de Avia celebrou hoxe a xornada adicada á honra da súa patrona, A Virxe do Lodairo, unha data declarada como festivo local, cunha serie de actos litúrxicos e de lecer que se prolongaron dende a mañá ata a última hora da tarde. Un luns co que se poñía punto final á programación festiva iniciada o pasado sábado e que se abríu ás 10,30 horas cun pasarrúas a cargo de gaiteiros.
E, ao fío do mediodía, ducias de veciñas e veciños de Carballeda de Avia e doutras localidades da comarca do Ribeiro, participaron na procesión da Virxe, que saíu da súa capela para percorrer a contorna do adro, e que estivo presidida polo bispo da Diócese de Ourense, Leonardo Lemos. A imaxe da patrona data de mediados do século XVII,ao igual que a coroa que adorna a súa cabeza e luce un hábito e manto de cor branco. A continuación, o propio monseñor Lemos oficiaría unha misa solemne na mesma igrexa, cuxo reducido aforo motivou que parte dos devotos tivesen que escoitala dende o exterior.
Ao remate dos oficios litúrxicos, os gaiteiros puxeron o arranque da sesión vermú no campo da festa, que estivo amenizada por Begoña Mazaira, Rubén de Prado e DJ Smile. Na mesma carballeira que preside o adro, unha familia rememoraba a antiga tradición romeira, elaborando unha exquisita paella para degustar baixo a sombra das árbores, mentres no campo, os romeiros tamén tiñan a oportunidade de xantar o ‘pulpo á feira’ típico de tódalas festas galegas.
Unha romería que ten como eixe principal a ermida do Lodairo, un edificio de orixe románica que posteriormente sería obxecto de ampliacións na época do barroco e que preside un pequeno outeiro a 280 metros de altitude. A capela aínda desempeñaba no século XVII o seu papel de igrexa parroquial de Carballeda de Avia, antes da construcción da actual de San Miguel.
Según lembran os veciños de Carballeda, a romaría da Virxe do Lodairo era a máis importante e popular do Ribeiro e atraía a moita xente da comarca, e celébrase cada ano 50 días despois do domingo de Pascua, coincidindo con esta fin de semana do domingo de Pentecostés.