O xove deportista do Irixo, Roi Freixedo González, fíxose coa medalla de ouro en tiro no ‘Gran Premio Región de Murcia’, na categoría pistola júnior masculino. O torneo tivo lugar esta pasada fin de semana no campo de tiro da localidade murciana de Molina de Segura.
A puntuación obtida neste campionato, valedeiro para o ránking nacional, tamén lle permitíu a Roi Freixedo clasificarse para desputar a final olímpica da categoría absoluta, sendo o único galego e o único júnior, na que rematou no quinto posto.
Roi Freixedo, nado no Irixo no ano 2007, aínda realizou o xoves da semana pasada o seu derradeiro exame da PAU e, o venres, xa acudiu ao PET (Pre Event Training) do ‘Gran Premio de Murcia’ para entrar en competición o sábado. Agora que rematou os estudios deste curso centrarase en adestrar para as vindeiras probas nacionais e, sobre todo para a final da ‘European Youth League Championship’, na que formará parte do equipo de España e que se celebrará en Budapest no mes de outubro.
As próximas competicións nas que participará Roi Freixedo serán a ‘Copa Presidente’, que ten lugar en Granada dentro de 15 días, e a ‘Copa Princesa de Asturias’, que se celebra o vindeiro mes de xullo en Oviedo.