

O pulpo do Carballiño triunfou hoxe en Madrid. A Casa de Galicia na capital española acolleu a presentación oficial da 63ª edición da ‘Festa do Pulpo do Carballiño’, adicada á vila irmá Noventa Padovana, situada no norte de Italia. A menos de dous meses da cita, que se levará a cabo o próximo 10 de agosto (como marca a tradición, o segundo domingo do mes), o goberno local do Carballiño convida á poboación a coñecer e desfrutar da romería gastronómica máis concorrida de toda Galicia.
Máis dun cento de persoas acudiron esta mañá á Casa de Galicia para asistir ao acto e degustar o plato estrella da vila do Arenteiro: o pulpo á feira, cociñado por unha pulpeira carballiñesa. O tenente alcalde do Carballiño, José Castro-Gil, aproveitou a ocasión para lanzar unha invitación aberta aos presentes, non són a participar na Festa do Pulpo, senon tamén a visitar Carballiño “en calquera época do ano”, aproveitando así a alta velocidade que une Madrid con Ourense en pouco máis de dúas horas.
O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, puxo en valor a unión con Noventa Padovana, onde cada mes de outubro se celebra a Fiera del Folpo, unha festa que tamén xira en torno ao cefalópodo e onde tamén acuden milleiros de persoas a desfrutar da gastronomía, a cultura e a tradición. Por outra banda, puxo en valor a evolución e historia da Festa do Pulpo do Carballiño, que comezou hai 63 anos “como unha reunión de amigos e familias arredor dunha caldeira de pulpo” e logrou converterse nunha das romarías gastronómicas “máis populares dos país e con máis fama internacional”. De feito, esta é a terceira edición como festa de Interese Turístico Internacional.
A presentación estivo conducida pola xornalista Leticia Iglesias, carballiñesa cunha longa traxectoria en medios de comunicación nacionais (actualmente, é conductora dos informativos de Telecinco). O edil de Turismo agradeceu a súa participación, e avanzou que Iglesias será nomeada embaixadora da Festa do Pulpo.
O alcalde de Noventa Padovana, Marcello Bano, e o seu concelleiro de Turismo, Davide Iafelice, tamén acudiron ao acto. Ambos agradeceron a acollida por parte do Carballiño e loubaron a Festa do Pulpo, que puideron coñecer na edición do ano pasado. A unión entre ambas vilas é moi valiosa, non só a nivel gastronómico, senon tamén no eido cultural e etnolóxico: “As cousas que vos importan son as cousas que nos importan: o patrimonio cultural, os produtos da nosa terra, as técnicas e receitas que cada comunidade transmitiu de xeración en xeración para perfeccionalas cada vez máis”.
Pola súa banda, o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, puxo en valor a internacionalización da Festa do Carballiño e a súa importancia como a romería gastronómica máis popular de Galicia.
José Castro-Gil e Manuel Dacal fixeron entrega de dúas esculturas de pulpeiras a Leticia Iglesias e a Luis E. Ramos como mostra de agradecemento. Ao remate do acto, os asistentes puideron degustar do plato tradicional do Carballiño: o pulpo á feira.