O centro social de Muimenta contribuirá a mellorar a calidade de vida dos maiores

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milia,  visitou esta mañá as obras que se están desenvolvendo nas instalacións do que será o futuro centro social multiusos da parroquia de Muimenta, no que a Xunta de Galicia inviste máis de 285.000 euros.

Perfecto Rodríguez lembrou que este proxecto “é un dos beneficiados no marco do Plan de Investimentos impulsado pola Xunta de Galicia e acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a construción, reforma ou ampliación de servizos municipais destinados a persoas maiores”. Este Plan está dotado con 18,5 millóns de euros, contempla un total de 24 actuacións seleccionadas en concellos de toda Galicia e conta con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU).

No caso concreto de Carballeda de Avia, a iniciativa seleccionada foi a creación do centro social multiusos, cuxo custo ascende a preto de 400.000 euros, dos que a Xunta de Galicia financiará máis do 71% e o resto a Deputación de Ourense. Perfecto Rodríguez salientou, ao respecto, o marco de colaboración entre as diferentes institucións (Xunta, Deputación e Concello).

Pola súa banda, Luis Milia agradeceu o apoio da Xunta a esta iniciativa, “que ten coma obxectivo que a xente maior se quede na súa casa da aldea e poida desfrutar, ademais, de calidade de vida, que é o máis importante, e tamén trataremos de atraer a emprendedores a Muimenta para que poidan desenvolver o seu traballo, de xeito que se xenere emprego e a aldea non morra”.

Ademais, a redacción deste proxecto foi financiada pola Fundación RIA que seleccionou o deseño resultante a través da convocatoria dun concurso. A proposta gañadora deste certame organizado pola Fundación RIA para o proxecto do centro social multiusos de Muimenta foi Socalcos, unha iniciativa que destaca pola súa capacidade para conservar as características do terreo, evitando alteracións significativas e mantendo un forte vínculo coa topografía natural da parcela.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------