A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe os “bos resultados” da sexta edición do concurso Pilabot coa recollida de 47,8 toneladas de pilas, o que supón 7,5 toneladas máis que no pasado curso, e a terceira cifra máis alta desde a posta en marcha desta iniciativa.
Durante o acto de entrega de premios aos gañadores da sexta edición deste concurso de recollida de pilas, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada da directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, puxo en valor esta iniciativa que permite concienciar aos máis novos sobre a importancia de ser responsables no consumo e xestión dos residuos para aforrar recursos e enerxía, protexer o medio ambiente e coidar a saúde das persoas.
Nesa liña, ademais de enxalzar a implicación do profesorado na concienciación ambiental do alumnado, a conselleira engadiu que os máis novos “son os mellores transmisores” á hora de sensibilizar ás súas familias da necesidade de facer unha boa xestión dos refugallos co seu depósito nos contedores adecuados para garantir a súa correcta reciclaxe e facilitar a súa reutilización.
Sexta edición de Pilabot
O certame Pilabot, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en colaboración cos xestores de pilas autorizados na Comunidade —Ecopilas, ERP, Ecolec e Unibat—, busca fomentar a reciclaxe de pilas entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación que poden ser derivados se non se xestionan de forma adecuada.
De feito, desde que se puxo en marcha este certame, en 2018, xa se recolleron preto de 292 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, o que, segundo dixo a representante autonómica, equivale a 16 camións.
En concreto, segundo explicou Ángeles Vázquez, nesta sexta edición, na que participaron máis de 31.600 estudantes, recolléronse un total de 47.780 quilogramos de pilas, acumuladores e baterías usadas, dos que preto de 9 toneladas foron aportados polos centros gañadores. Así, o Colexio Plurilingüe Divina Pastora M.M. Franciscanas, de Ourense, levou o primeiro posto en termos absolutos, ao recoller preto de 5 toneladas de pilas na súas instalacións —en concreto, 4.905 kg—. Pola súa banda, o CEIP Plurilingüe Santiago de Oliveira, de Ponteareas, foi segundo, con 3.912,05 quilos recollidos.
Tamén se entregaron os premios aos centros coas mellores ratios de recollida por alumno. Neste caso, o gañador foi o CEIP Virxe de Guadalupe, de Avión, con 90,75 quilogramos por estudante mentres que o CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle, recibiu o segundo premio logo de recoller 90,14 kg por alumno.
Os catro centros reciben un premio económico que deben destinar á compra de material escolar ou deportivo. Concretamente, os primeiros premios de ambas categorías están dotados con 2.500 euros cada un, mentres que os centros que quedaron en segunda posición levarán como recompensa 1.250 euros.