Anxo M. Lorenzo destaca “o protagonismo da veciñanza nos procesos culturais”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou no Museo Etnolóxico de Ribadavia a exposición Unha ollada colectiva contra o esquecemento. Mostra final do curso de fotografía participativa, que recolle os traballos realizados no marco dun obradoiro organizado pola entidade con persoas da comarca do Ribeiro. Unha maneira, apuntou, “de recoñecer e visibilizar a memoria colectiva desta zona a través dun encontro interxeracional no que a propia veciñanza comparte e reconstrúe a súa identidade”.

Deste xeito, o representante da Xunta tamén fixo fincapé na “posta en valor do patrimonio material e inmaterial que nos ofrece este percorrido a través da imaxe abordando temas como a migración, os oficios, a resistencia cultural ou o impacto ambiental”. Ademais, engadiu, “unha vez máis os nosos museos ábrense á sociedade deixando que a propia comunidade sexa protagonista dos procesos culturais sendo ela a que conte a historia do lugar coas súas lembranzas”.

Neste senso, a exposición combina fotografías contemporáneas, imaxes de arquivo familiar, obxectos e pezas interactivas que dialogan co territorio. Son obras que percorren temas como as adegas abandonadas, o papel da muller, a figura das curandeiras, a memoria migrante, a barbería como lugar de encontro ou as relacións emocionais co río e a paisaxe do Ribeiro. Trátase dun traballo colectivo forxado a través das vivencias persoais e da propia visión do territorio de cada participante no obradoiro dirixido por Sara Garchi, profesional da comunicación visual.

A mostra pode visitarse no Museo Etnolóxico, con entrada libre, ata principios do mes de agosto.