O grupo municipal socialista recolle as demandas da agrupación de asociacións veciñais Miño e sinala que o goberno de Jácome levantou “un muro” á hora de escoitar as demandas dos barrios

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

As socialistas puxeron de manifesto que lamentan que estes últimos 6 anos de goberno de Gonzalo Pérez Jácome se caracterizaran, especialmente, polo abandono dos barrios do rural e pola minoración de orzamento para afogar ao movemento vecinal

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Lembran que, durante o mandato de Jácome, desapareceu case por completo a Concellería de Participación Cidadá, pechou a Oficina de Atención ao Cidadán e elimináronse os orzamentos participativos

Ourense, 21 de xuño de 2025. As edís do grupo municipal socialista no Concello de Ourense Natalia González, María Fernández e Alba Iglesias mantiveron unha reunión coa nova directiva da agrupación de Asociacións Veciñais Miño –integrada por Xosé Ramón Piñeiro, presidente; Manuela Padín; Ricardo Vázquez; José Luis Castro e María del Carmen Montero– para escoitar as súas inquedanzas e recoller as demandas da súa veciñanza.

Pola súa banda, as socialistas puxeron de manifesto que lamentan que estes últimos 6 anos de goberno de Gonzalo Pérez Jácome se caracterizaran, especialmente, polo abandono dos barrios do rural e pola minoración de orzamento para afogar ao movemento veciñal. “Son unha parte imprescindible para a participación cidadá na vida municipal á que non se está a prestar a atención debida”, advirte a portavoz do PSdeG e secretaria xeral do partido en Ourense.

Así as cousas, lembran as socialistas que, neste tempo, desapareceu case por completo a Concellería de Participación Cidadá, pechou a Oficina de Atención ao Cidadán, elimináronse os orzamentos participativos –onde a veciñanza podía contribuir a priorizar as obras máis importantes para os seus barrios e explicar as súas necesidades máis urxentes–, o executivo levou á mínima expresión o programa de cursos para as asociacións veciñais obrigándoas a autofinanciarse para poder seguir levándoos a cabo. “A situación actual amosa como na interlocución Concello-Asociacións Veciñais se levantou un muro á hora de atender as súas propostas ou queixas máis básicas”, sinala.

Dende o grupo municipal socialista, coñecedores do total illamento e abandono que padecen os distintos barrios e zonas do rural, comprometéronse a seguir achegándose á veciñanza, canalizar as súas demandas e esixir, ademais de respecto, que o actual goberno de DO atenda todas esas peticións de maneira urxente, a maioría relativas a servizos básicos e esenciais como son o de transporte urbano, a limpeza, subministro eléctrico ou abastecemento e saneamento.