

O xove deportista Roi Freixedo González, do Irixo, conseguíu dúas medallas (prata por equipos e bronce individual) nas competicions da “Copa Presidente de Armas Olímpicas” que veñen de celebrarse na galería de tiro de 10 metros do Centro Especializado de Alto Rendemento de Las Gabias, na cidade andaluza de Granada.
Ata alí desprazouse o equipo júnior masculino da Federación Galega de Tiro, formado por Roi Freixedo González, Javier Delgado Domínguez e Jesús Rivas Geuimonde. Neste campionato, no que os resultados de cada equipo obtéñense pola suma da puntuación das clasificacións individuais dos seus tres integrantes, Galicia conseguíu a medalla de prata, quedando a de ouro en Andalucía.
Na competición individual, Roi Freixedo (O Irixo, 2007), arañou 3 puntos máis na fase clasificatoria que lle son computables para o ránking de España, o que lle permite defender con máis tranquilidade o cuarto posto que ocupa dende hai nove meses, así como reducir tímidamente a distancia co tirador catalán de ascendencia ourensán, Danny Pérez.
Xa na disputa dunha axustada final olímpica, o xove tirador do Irixo logrou facerse coa medalla de bronce. Uns resultados que seguro que lle servirán de aliciente a Roi Freixedo para seguir adestrando cara a próxima cita do calendario oficial: a ‘Copa Princesa de Asturias’, que terá lugar en Oviedo dentro de tres semanas.