A Consellería de Cultura renova o seu apoio anual á Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asinou co alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil, o convenio polo que a Xunta de Galicia renova a súa contribución anual á organización da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia cunha achega de 60.000 euros para o desenvolvemento da súa 41ª edición do 18 ao 26 de xullo.

Esta colaboración enmarcase na política de apoio a festivais estratéxicos de artes escénicas xunto coa liña específica de subvencións, dotada con 280.000 euros e que nestes momentos se atopa en fase de resolución da súa convocatoria de 2025.

No documento asinado hoxe, o Goberno galego recoñece o papel fundamental do certame ribadaviense nos primeiros pasos e na evolución do actual teatro profesional galego, así como a súa condición de evento cultural de referencia en Galicia.

Desta volta e baixo o lema Escena e tránsito, o novo equipo artístico da Mostra, con Sabela Mendoza como directora e Gena Baamonde como subdirectora, inicia a súa aposta pola contemporaneidade e a diversidade, pola mirada feminista, polos formatos híbridos e a dilución das etiquetas.

Entre os nomes xa confirmados, formacións galegas como Ibuprofeno Teatro, Ártika Cía. ou Ítaca Teatro conviven con destacadas propostas a nivel estatal, como as que presentarán Luz Arcas con La Phármaco ou o colectivo galego-andaluz La Volátil, e internacional coa compañía portuguesa Circolando, a italiana Parini Secondo ou a residencia da creadora lusa Patricia Portela, en colaboración co Centro Dramático Galego.