Os Concertos do Xacobeo chegan os días 29 e 29 de xuño a Castrelo de Miño co festival ‘Espírito Ribeiro’

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia impulsan a colaboración territorial supramunicipal dos concellos de Castrelo de Miño, Cenlle e Arnoia que se unen na organización do festival ‘Espírito Ribeiro’ ao redor da música, a gastronomía, a artesanía e a cultura do viño da Denominación de Orixe do Ribeiro. Así o presentou está mañá en rolda de prensa o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Ao acto asistiron os alcaldes de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; Cenlle, Rebeca Sotelo, e A Arnoia, Rodrigo Aparicio, ademais do deputado provincial Rosendo Fernández.

Durante a presentación, Xosé Merelles salientou que “Espírito Ribeiro é un festival de sabores, música, mercado e produto de proximidade”, que se celebrará este sábado 28 e o domingo 29 de xuño en Castrelo de Miño. O evento está organizado polos concellos de Castrelo de Miño, Cenlle e Arnoia, co apoio da Axencia Turismo de Galicia a través do programa Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia.

No eido musical haberá concertos de balde con figuras tan singulares do panorama musical estatal e galego como: Julián Maeso, Jaime Urrutia, Gisele Jackson, Top Secret e Roi Casal. Ademais, nesta edición, Espírito Ribeiro estreará un novo formato, rotando a actividade cada ano nun municipio. Así, Castrelo de Miño acollerá a edición deste 2025, mentres que Cenlle será o anfitrión no 2026 e Arnoia en 2027.

“Música, artesanía, cultura e viño danse cita neste evento singular no berce do Ribeiro, en Ourense, nun evento comprometido co desenvolvemento sostible, a paisaxe e a cultura do viño”, subliñou o director de Turismo, ao tempo que engadiu que “Espírito Ribeiro é, tamén, unha aposta pola promoción do patrimonio vitivinícola e a cultura”. O director de Turismo de Galicia quixo destacar tamén “a colaboración territorial entre os tres municipios e a Xunta de Galicia, poñendo en valor este festival como marca cultural que impulsar a Denominación de Orixe Ribeiro, e como ferramenta de dinamización do rural”.

Neste 2025, ademais da música, ao cartel de ‘Espírito Ribeiro’ incorpórase, como novidade, o concurso “A Foto do Espírito”, para recuperar fotografías antigas do Ribeiro. Así, as mellores imaxes formarán parte dunha exposición itinerante e publicaranse no xornal La Región. O certame premiará con 300 euros a mellor fotografía.

Concertos do Xacobeo, un programa que apoia os principais eventos de Galicia

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, o Galicia Fest, o Espírito Ribeiro e máis de 120 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia.

Na provincia da Ourense, Concertos do Xacobeo suma preto dunha vintena de eventos. Turismo de Galicia potencia así o atractivo turístico nunha contorna cunha grande afluencia de visitantes na época estival, na que se poderá gozar de propostas artísticas de primeiro nivel coa celebración de ciclos, festivais e concertos dunha gran diversidade de xéneros e estilos para todos os públicos, con eventos abertos á mocidade, á infancia e aos adultos máis curiosos e esixentes.

Concertos do Xacobeo fomentará en Ourense a dinamización da economía local, co apoio a asociacións locais, motores da cultura propia, á hostalería e ao comercio; e, tamén, a posta en valor da riqueza patrimonial local, xa que moitos dos eventos celébranse en espazos naturais e patrimoniais de gran valor da provincia. Entre as figuras que visitarán Ourense estes meses da man dos Concertos do Xacobeo, cítanse Justin Quiles, Carlos Núñez, Sés, Jethro Tull ou Los Secretos, entre moitas outras.

Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.