A plataforma Sos Suído Seixo entrega no rexistro do concello de Beariz unha carta aberta de rexeitamento ao proxecto “Mina Doade”.

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O pasado venres 27 de xuño de 2025, un grupo de veciñas de Doade e arredores, e a CMVMC da Lamacega
e o Besticovo, xunto coa plataforma SOS Suído Seixo, entregaron no rexistro do concello de Beariz unha
carta aberta de rexeitamento ao proxecto “Mina Doade”.
Nela, reitérase a desaprobación xeral ás explotacións mineiras no espazo natural e cultural privilexiado que
constitúen as serras do Suído e o Cando, e en particular ao devandito proxecto. Inclúese ademais un pedido
directo aos alcaldes e alcaldesa dos concellos afectados, así como a todos os membros das corporacións
municipais: que se impliquen e apoien a loita veciñal como representantes electos democráticamente.
A carta vai acompañada de máis de 1100 firmas de apoio que a veciñanza logrou reunir dende a primeira
lectura pública, que tivo lugar a finais de abril deste ano, na Casa do Pobo de Doade. Entre elas, máis de 90
son de veciños e veciñas do lugar de Doade; ás que se suman unhas máis de 300 que foron enviadas desde
outras aldeas directamente afectadas polo actual proxecto mineiro. Vistas en relación ao tamaño destas
aldeas, as cifras falan por si mesmas do sentimento e da mobilización social contra a mina na zona. Tamén
fala do enorme esforzo de mobilización da veciñanza a grande cantidade de apoios chegados de México,
onde a comunidade galega organizou campañas de información e recollida de asinaturas.
O escrito recibiu, do mesmo xeito, o apoio de asociacións veciñais e culturais, e de comunidades de montes
que tamén a secundaron como colectivos, así como de moitas persoas individuais de toda Galicia.
Nos próximos días, serán entregadas copias da carta e de toda a documentación adxunta á alcaldía dos outros
concellos aludidos no texto. Espérase tamén a achega de mais follas de firmas da veciñanza, que non se
xuntaran á remesa depositada o venres no consistorio de Beariz.
A defensa da terra é un traballo que require da implicación e a criatividade de todas as persoas e institucións.
Desde SOS Suído Seixo, e máis especialmente, desde as aldeas das abas da dorsal galega, esperamos que
aquelas ás que vai dirixida a carta aberta estean á altura da tarefa.
O contido completo da carta aberta pode lerse no apartado “Comunicados” da páxina de SOS Suído Seixo:
https://minadoadenon.sossuidoseixo.org/# .

COMERCIAL ORCELLÓN
PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------