https://www.facebook.com/share/v/1AjZXo4RUZ
O alumnado participante no obradoiro de emprego xove ‘Carbomas’ vén de rematar as labouras que estiveron a desenvolver nos últimos seis meses no municipio de Maside. As 16 alumnas e alumnos dos módulos de xardinería e carpintería e que pertencen ao devandito concello, Boborás e O Carballiño, levaron a cabo diferentes traballos de acondicionamento nos espazos senlleiros e de interese paisaxístico e turístico do Puzo do Lago e A Rañoa.
Na contorna desta área de surxencias termais, dotada de piscinas abertas ao público durante o verán, o alumnado de xardinería efectou unha replantación do céspede e a introducción de plantas aromáticas nos taludes perimetrais. Asemade, procederon á eliminación e poda en altura de árbores que non permitían o paso da luz solar á zona de baño e esparcemento do recinto, e a tala dun chopo que presentaba problemas de conservación. O módulo de carpintería tamén levou a cabo a substitución e pintado do valado perimetral desta paraxe.
Finalmente, no Puzo do Lago, o obradoiro acometeu un reordenamento de zonas de arborado para incrementar os espazos de sombra e, tamén, a recuperación e reposición do valado de madeira que circunda o circuito de carreiras que se utiliza na tradicional ‘Festa do Cabalo’. Na actualidade, estanse a levar a cabo tarefas de mantemento para a eliminación de maleza.
A concelleira de Emprego e Medio Ambiente de Maside, Begoña Demanuel, agradeceu todo o traballo realizado polo alumnado, monitores e director do obradoiro ‘Carbomas’, salientando que “foi un excelente traballo conxunto en equipo dos dous módulos”.
Un total de 16 alumnas e alumnos do Carballiño, Boborás e Maside de entre 18 e 25 anos participan no proxecto do obradoiro de emprego xove ‘Carbomas’ que se puxo en marcha no outono pasado, e no que se están a formar a nivel educativo e profesional, neste caso nas modalidades de xardinería e carpintería, baixo a coordinación dun equipo docente dirixido por David Lozano.