Un veciño de Ourense gardaba ilegalmente en tres almacéns 21.000 litros de aceite de cociña usado

O Servizo de Protección da Natureza (Serprona) da Garda Civil, no marco da operación “Pinoil”, tomou declaración en calidade de investigado a un veciño de Ourense, de 47 anos de idade, representante dunha empresa de residuos de aceite de cociña usado, como presunto autor de tres delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente.

Como resultado da investigación localizouse, o pasado 3 de abril, unha nave no municipio de Carballeda de Avia, na que se estaban almacenando 8.000 litros de aceites usados de forma irregular. Ademais, o 17 de maio, os axentes do Serprona descubriron outra nave , situada na zona de servidume do río Miño, na que atoparon 5.000 litros de aceites de cociña usados.

Finalmente, o pasado mércores, 25 de xuño, localizaron unha nave sita en Ourense, na que se achan 8.000 litros de aceite de cociña usados de forma irregular. O investigado realizou a actividade sen licenza municipal e sen autorización da Consellería de Medio Ambiente para xestionar ese tipo de residuos.

O Xulgado de Instrución de Ribadavia encárgase das dilixencias deste caso.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------