A Formación nacionalista expresa a súa solidariedade co persoal sanitario de Ourense e apela á Xunta a “non caer na indiferenza e a que sente co persoal para aplicar as medidas e protocolos necesarios”
Ourense, 01 de xullo de 2025. A deputada nacionalista por Ourense Noa Presas, transmitiu en nome da Organización frontista, a “condena e repulsa pola agresión a unha médica acontecida nas urxencias do CHUO na madrugada do domingo” e expresa a súa “solidariedade coa agredida e por extensión co persoal do Centro”.
Así mesmo, para o BNG “non se pode reaccionar con indiferenza ante esta situación nin ante o feito de que o ano 2024 batera un récord de agresións en Galiza tal e como se facía público con motivo da celebración, o pasado 12 de marzo, do Día europeo contra as agresións a persoal médico e profesionais sanitarios, o Observatorio Contra as Agresións da Organización Médica Colegial (OMC)”.
Por estes motivos, o BNG demanda “reacción por parte da Xunta e que sente a falar co persoal para aplicar de inmediato os reforzos, medidas e protocolos necesarios, tal e como están demandando publicamente, pois é unha falta de dilixencia por parte da Consellaría que non estean os traballos rematados debidamente e que se contribúa á sensación de inseguridade por parte da cidadanía e das e dos profesionais”.
Neste sentido o Grupo Parlamentario do BNG presentou unha batería de iniciativas no Parlamento Galego no que insta a Xunta a “constituir de forma inmediata unha mesa de traballo coa participación da Consellaría, da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, a Comisión de Centro do CHUO, Colexios profesionais e Organizacións sindicais e de pacientes para abordar a adopción de medidas extraordinarias, incluído o reforzo de persoal, na Área e singularmente no servizo de urxencias así como poñer en marchar os protocolos necesarios e promover a súa difusión e coñecemento.”