O vindeiro domingo, a localidade de Leiro converterase un ano máis, e xa son 41, no epicentro do atletismo en Galicia coa celebración da súa carreira popular, e, tamén, nun punto de referencia do turismo do interior da nosa comunidade, xa que unha das paraxes senlleiras, O Salgueiral, é a zona elexida pola organización para saída e meta desta proba, que ofrecerá aos participantes unha vista espectacular do río Avia e das súas ribeiras.
Ao peche das inscricións, o departamento de Deportes do Concello de Leiro vén de rexistrar máis de 600 atletas na liña de saída nas diferentes categorías de idades, e que percorrerán, dende as 10,00 horas un amplo abano de distancias entre os 100 e os 10.000 metros, nunha proba coorganizada polo club Atlestismo Arenteiro, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA) e que será controlada polo Comité Galego de Xuíces.
As persoas inscritas nesta ‘XLI Carreira Popular de Leiro’ poderán recoller os seus dorsais dende as 8,00 horas deste domingo e ata 15 minutos antes de cada proba. O pistoletazo de saída para a carreira absoluta de 10.000 e 5.000 metros darase ás 10,00 horas, e nela participarán os corredores sub20 e sub23, sénior e os das catro categorías de máster.
A continuación, dende as 11,30 horas sairán os sub14 e sub16 para facer o seu itinerario de 2 km.; os sub10 e sub12, cunha ruta de 1,2 km.; os sub8, con 700 metros de distancia, e, finalmente, os pitufos (menores de seis anos) cun percorrido de 250 metros, e que serán os encargados de pechar o programa.
A organización ten previsto para a carreira absoluta uns postos de avituallamento líquido nos puntos quilométricos 1,5, 4,2, 6,5 e 9,2, e porá a disposición destes atletas un posto de avituallamento sólido e líquido ao chegar á meta. Ademais, os 300 primeiros inscritos nos 10 km. e os 100 primeiros dos 5 km. recibirán unha camisola conmemorativa deste evento.
A paraxe natural do Salgueiral acollerá, dende as 12,30 horas, o acto de entrega de premios, consistentes en trofeos e medallas para os primeiros atletas e equipos clasificados. Tamén se concederán 200, 100 e 50 euros en metálico para os tres primeiros tanto en féminas coma en homes na proba dos 5 km, e de 300, 200 e 100 euros para os de 10 km., ademais de diversos agasallos cos que a organización obsequiará aos atletas.