O PSOE de Ribadavia denuncia que as obras de ampliación do polideportivo están sen adxudicar

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia unha nova “chapuza” na xestión de subvencións, desta vez na obra de ampliación e reforma do polideportivo municipal do Consello, que contaba cun investimento de 1,3 millóns, cofinanciados polo concello, a Xunta e a Deputación. As e os socialistas critican que o alcalde vendera xa en decembro este proxecto a “bombo e platillo”, cando agora “nos atopamos que non hai ningunha empresa que a execute”.

COMERCIAL ORCELLÓN

Dende o grupo municipal socialista consideran que “estamos ante unha nova demostración da ineptitude e neglixencia dun grupo de goberno que é incapaz de xestionar o concello”. Neste senso tamén sinalan que este goberno municipal “é o que peor xestión de fondos públicos está levando a cabo nos últimos 30 anos”, xa que tal e como apuntan “son incapaces de facer unha xestión correcta e acomodarse aos tempos marcados, a pesar de ter ao seu favor o resto de institucións”.

A obra de reforma e ampliación do pavillón do Consello tiña un prazo de execución de seis meses, pero tal e como subliñan dende o PSOE de Ribadavia “a día de hoxe non hai ningunha empresa que a execute e a única que se presentou, non cumpriu co prego de condicións dos prazos establecidos”. Unha situación que en palabras das e dos socialistas “xéranos importantes desconfianzas”, xa que tal e como explican “é posible que a propia empresa vexa inviable executar a obra nese prazo, xa que tería que estar rematada en novembro e segundo anunciou o goberno local, non hai prazo de prórroga”.

As e os socialistas destacan que “calquera entende que nos meses de verán é moi difícil traballar para as empresas construtoras, polo peche doutras empresas que serven materiais”. Asemade indican que “no mellor dos casos a obra podería estar executándose en agosto, polo que sería imposible que estivese rematada para o mes de novembro e a realidade é que a día de hoxe non hai nin adxudicatario”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ribadavia lembran que “levamos meses alertando de que este expediente é un auténtico despropósito de principio a fin, cuns prazos de execución imposibles de cumprir”. As e os socialistas consideran de “extrema gravidade”, que o alcalde deixe fora da mesa de adxudicación a intervención municipal, cando “é fundamental para todo o que con leva a obra, xa que hai que solicitar unha operación de tesourería”. Unha circunstancia que “non se entende e que amosa que non hai unha xestión rigorosa por parte do equipo de goberno”. “A semana pasada ante a denuncia do PSOE a unha obra na que se perdeu a subvención, o alcalde contestou con prepotencia e falando e dando por feito que a obra do pavillón xa estaba en marcha, cando está sen adxudicar”, sinalan dende o grupo municipal socialista.

Por último, dende o PSdeG-PSOE de Ribadavia fan fincapé en que “estamos dispostos a dar ideas e aportar, sempre e cando non se opte pola chapuza que se está levando a cabo nesta obra do pavillón”. Neste senso, as e os socialistas pídenlle ao goberno local que “se retome a obra o vindeiro ano, se comece o expediente dende o principio e que o alcalde recoñeza humildemente que se equivocou nos prazos de execución”. Consideran que de non iniciarse novamente o expediente “o concello vai ter problemas moi graves dende o punto de vista financeiro e legal”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------