


O vindeiro sábado, 12 de xullo, a localidade de Pazos de Arenteiro, no municipio de Boborás, volverá ao pasado para conmemorar un episodio clave da historia galega e europea coa recreación histórica “1809. A Batalla”, única na provincia de Ourense, e das poucas que hai en Galicia. Na presentación do cartaz e do programa do evento participaron hoxe o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e deputado de Cultura, César Fernández, e a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, que deron conta das principais actividades e novidades para esta edición.
A recreación lembra a épica loita do 2 de marzo de 1809, cando uns 300 galegos, liderados polo capitán Cachamuíña, se enfrontaron a máis dun milleiro de soldados do exército napoleónico baixo os arcos da Ponte da Cruz, convertendo ao Ribeiro nun escenario clave da resistencia galega no contexto europeo.
César Fernández salientou que esta festa histórica se consolidou coma un referente cultural na provincia de Ourense, celebrándose nun marco incomparable, tanto a nivel natural como patrimonial, xa que Pazos de Arenteiro está declarado conxunto histórico-artístico. Pola súa banda, Patricia Torres puxo en valor o realismo e a calidade escénica da recreación, onde a pólvora é unha das protagonistas. Tamén destacou o traballo dos voluntarios, que levan semanas preparando o evento, e animou á cidadanía a achegarse para gozar da festa.
Durante toda a xornada do sábado, o público poderá desfrutar dun completo programa de actividades que mesturan historia, teatro, música, artesanía e gastronomía. A festa comezará ás 11,00 horas coa apertura do campamento francés, e incluirá representacións teatrais de feitos históricos como ‘O pan é do pobo’, ‘O fusilamento de Don Xosé’ ou ‘O enfrontamento de Dona Hipólita‘. Tamén haberá grandes recreacións como ‘A entrada do exército francés’, ‘A arenga de Xoana‘ e ‘A gran batalla final: A Ponte da Cruz’.
A programación inclúe ademais unha feira de artesanía, un espazo gastronómico aberto ao público, unha zona infantil con xogos tradicionais e actuacións musicais coa animación de Feitizo de Pau e o concerto de pecha a cargo do grupo Zurrumalla ás 21,30 horas.
Organizado polo Concello de Boborás coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e Artesanía de Galicia, este evento busca poñer en valor o patrimonio histórico e cultural da zona, así como dinamizar o turismo e a economía local.