O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, inaugurou esta mañá a Feira Sectorial do Cooperativismo celebrada neste concello ourensán coincidindo coa VI Feira de Feás
A actividade enmárcase nas actividades de divulgación da Rede Eusumo, á que este ano a Xunta destina preto de 700.000 euros para promover accións de visibilización, formación e asesoramento a persoas emprendedoras
O conselleiro fixo fincapé na relevancia do cooperativismo como peza clave do tecido socioeconómico galego, tanto polo seu impacto económico como polo seu valor social, cunha facturación superior aos 3.500 millóns de euros en 2024
Lembrou que o apoio a esta fórmula de negocio se completa co labor da Rede de polos, con oficinas como a do Carballiño, que ofrece acompañamento e asesoramento personalizado a aquelas persoas que desexan emprender no territorio.
Boborás (Ourense), 13 de xullo de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na inauguración da Feira Sectorial do Cooperativismo, unha iniciativa organizada polo Concello de Boborás en colaboración co de San Xoán de Río, no marco das actividades da Rede Eusumo. No acto estivo tamén presente a alcaldesa de Boborás, Ana Patricia Torres.
Durante a súa intervención, o conselleiro destacou que esta celebración, que coincide coa VI Feira de Feás, constitúe un claro exemplo de como a cooperación entre administracións e entidades locais pode dar lugar a proxectos transformadores, capaces de fomentar o emprendemento colectivo e o arraigamento no rural a través da economía social. Subliñou, ademais, que este evento representa unha oportunidade para que as entidades participantes dean a coñecer os seus produtos, servizos e proxectos, contribuíndo á visibilización do modelo cooperativo.
Neste contexto, puxo en valor o papel da Rede Eusumo, impulsada pola Xunta de Galicia no marco da Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027, e que xa integra máis de cen entidades adheridas, entre elas os propios concellos de Boborás e San Xoán do Río. En 2025, a Administración autonómica destina preto de 700.000 euros ao impulso da economía social mediante accións de divulgación como esta feira, así como iniciativas de formación e asesoramento a persoas emprendedoras, canalizadas a través desta rede.
Así mesmo, o conselleiro fixo fincapé na relevancia do cooperativismo como peza clave do tecido socioeconómico galego, tanto polo seu impacto económico como polo seu valor social. En 2024, este modelo empresarial acadou unha facturación superior aos 3.500 millóns de euros, representando o 5,1 % do PIB da comunidade, e xerando emprego para máis de 78.000 persoas, entre socias e traballadoras por conta allea.
González lembrou tamén que o apoio ao cooperativismo complétase co labor da Rede de Polos de Emprendemento da Xunta, con oficinas como a do Carballiño —referente para esta zona—, que ofrece acompañamento e asesoramento personalizado a aquelas persoas que desexan emprender no seu propio territorio coa posibilidade de apostar por modelos sostibles da economía social.