O Carballiño convida a participar e divertirse o vindeiro sábado na ‘I Carreira Popular do Pulpo’

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Praza da Veracruz será o punto de referencia de saída e meta da “I Carreira Popular do Pulpo”, que se celebrará na tardiña do vindeiro sábado, 19 de xullo, organizada polo Concello do Carballiño dentro do programa de actividades previo á cita festiva e gastronómica do domingo 10 de agosto. Unha boa oportunidade para divertirse facendo deporte e desfrutar dunha xornada de confraternidade.

Precisamente foi no marco da praza do templo carballiñés onde o concelleiro de Deportes, José Castro-Gil, acompañado por Rebeca Amil e Joana Moguel, monitoras da empresa Kórpore Arenteiro, levaron a cabo esta mañá a presentación deste novo evento. O edil e tamén alcalde en funcións do Carballiño, Castro-Gil, avanzou que haberá “unha carreira para nenas e nenos de 2 quilómetros, que sairá ás 8 da tarde, e outra para adultos, ás 8,30, e cun percorrido de 10 quilómetros pola contorna do noso Parque Municipal”.

Ao remate da proba haberá un sorteo de agasallos para tódolos participantes, promovido polas entidades patrocinadores da competición. A inscrición é totalmente libre e gratuíta e pode facerse na web de sportmaniacs ou nas aplicacións de saudeterlive e do Concello do Carballiño. Ao respecto, o concelleiro de Deportes convidou á toda a veciñanza do Carballiño e a súa contorna a inscribirse e participar nesta primeira edición da ‘Carreira Popular do Pulpo’ e así poder desfrutar dunha xornada de saúde e diversión.

José Castro-Gil, neste sentido, fixo referencia a que, ao remate desta proba popular, a Praza da Veracruz acollerá un dos concertos programados para este verán no ciclo ‘Feito no Carballiño’, coa actuación dos grupos carballiñeses Cervan e Sueños de Ítaca.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------