A Mostra Internacional de Teatro (MIT) levanta o telón mañá en Ribadavia con máis de 2.500 entradas vendidas

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Ribadavia prepárase para converterse un ano máis no grande epicentro do teatro galego, estatal e internacional coa celebración da Mostra Internacional de Teatro (MIT), que arrinca este xoves 17 de xullo coa obra “Memoria dun tempo” ás 23,00 horas no Auditorio do Castelo da man da compañía Teatro do Vilar, que preabrirá a MIT cunha comedia musical de pouso amargo. A capital do Ribeiro acollerá durante 10 días unha intensa programación que combina propostas vangardistas, espectáculos para todos os públicos, teatro físico, circo, danza e performance, con compañías e artistas procedentes de dentro e fóra de Galicia.

A expectación é máxima: xa se venderon máis de 2.500 entradas, un dato que evidencia o arraigamento e o prestixio da MIT, que cada verán transforma Ribadavia nun gran escenario escénico ao aire libre e que mantén viva a súa aposta pola calidade, a innovación e a diversidade.

E mañá, venres 18, a Mostra arranca oficialmente coa inauguración e entrega do Premio de Honra da MIT ao seu ex director, Roberto Pascual, nun acto que terá lugar na Igrexa da Madalena ás 20.00h. Xa ás 23.00h, coa obra Grandissima Illusione de Cris Blanco, no Auditorio do Castelo.

O sábado 19 a programación comeza ás 12:00 h coa entrega do Premio da Academia Galega de Teatro no Salón de Plenos do Concello. Ás 20:00 h, na aldea de San Cristovo, celebrarase o espectáculo e obradoiro Escambo. Bailar na infancia, da creadora Mari Paula, dentro do programa Satélites da MIT. Ás 21:00 h, Los Torreznos ofrecerán a peza La cultura na Igrexa da Madalena, e ás 23:00 h pechará a xornada Hospital de campo, de Societat Doctor Alonso, no Auditorio do Castelo.


A xornada do domingo 20 arrancará ás 20:00 h no Auditorio da Casa da Cultura coa proposta Bipedestrución da compañía Disiden.cia. Ás 21:00 h, na Igrexa da Madalena, poderase ver Cerrados y dormidos los ojos bailan, unha creación de Natalia Fernandes e Marta Azparren (Residencias Paraíso), e ás 23:00 h chega Non pasarán, da compañía viguesa Ártika Cía, no Auditorio do Castelo.

O luns 21, ás 13:00 h na Praza de Abastos, terá lugar unha conversa arredor de A derradeira leición, da histórica compañía Chévere. Pola tarde, Castelao, un corazón á intemperie, de Fantoches Baj, representarase ás 20:00 h na Franqueirán. Ás 21:00 h, Teresa Lorenzo presentará Las magias (site specific) na Veronza, e ás 23:00 h, Furia Sotelo ofrecerá Sobre o extravío ou a arte de perderse no Auditorio do Castelo.

O martes 22, a programación chega ao Club Artístico con Anfibia, de La Guajira, ás 20:00 h. Unha hora despois, ás 21.00h, Sen patrón, da compañía Pistacatro, representarase en Francelos dentro dos Satélites da MIT. Pechará a noite OVVIO, do Kolektiv Lapso Cirk, ás 23:00h no Castelo.

O mércores 23, ás 20:00h, o espectáculo Os Passadores, da portuguesa Patrícia Portela, terá lugar en Sampaio (Satélites da MIT). Ás 21:00 h, Pan, nubes e chocolate, de Colectivo A Volátil, representarse no Museo Etnolóxico. Ás 23:00 h, Ibuprofeno Teatro traerá ao Castelo a súa nova montaxe: Reconversión.

O xoves 24, ás 19:00h, na Igrexa da Madalena, celebrarase o acto conmemorativo dos 20 anos do Premio Abrente. Ás 21:00h, en Santo André, terá lugar HIT (out), da compañía italiana Parini Secondo, tamén enmarcada nos Satélites. Finalmente, ás 23:00h, o Auditorio do Castelo acollerá Crátera, da compañía portuguesa Circolando.

O venres 25, Ítaca Teatro presenta Profetas ás 20:00h no Auditorio da Casa da Cultura. Ás 21:30h repetirase HIT (out), desta volta na Alameda de Ribadavia, e ás 23:00 h, Tierras raras, da recoñecida creadora Luz Arcas / La Phármaco, pechará a xornada no Castelo.

O sábado 26, xa na última xornada da MIT,  Spooky, de María Jurado, poderá verse ás 20:00h no Auditorio da Casa da Cultura, e Bach, da aclamada compañía Mal Pelo, ás 23:00h no Castelo.

A venda de entradas continúa aberta, tanto presencialmente na oficina da MIT como na billeteira do auditorio (de 10,00 a 14,00 e de 18,00 a 20,30 horas), así como en liña a través da plataforma ataquilla.com. A venda diaria abrirá cada noite a partir das 21,00 horas.

O Concello de Ribadavia convida a veciñanza e visitantes a gozar dunha mostra única que leva máis de corenta anos celebrando a cultura, facendo de Ribadavia un lugar de encontro para as artes escénicas contemporáneas e para o público que busca emoción, pensamento e diversidade creativa.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------