O contrato asinarase nos vindeiros días e as obras comezarán neste mes de agosto
Os traballos consisten na mellora dun tramo de 6 quilómetros da estrada autonómica entre Beariz e o desvío cara ao núcleo de Couso
A actuación comprenderá a ampliación da plataforma ata os 7 metros, a rectificación dunha curva en Beariz e a humanización da travesía de Liñares, na que se habilitarán beirarrúas e bandas de aparcamento
Prevense outras melloras complementarias, como o acondicionamento dos accesos á estrada OU-212, a renovación da iluminación e das varandas de protección peonil
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2025
A Xunta adxudica por preto de 1,3M€ as obras de mellora da estrada OU-212 ao seu paso polos concellos de Beariz e Avión.
As actuacións, adxudicadas á empresa Obras, Pavimentos e Instalaciones Industriales, S.L, teñen un prazo de execución de 14 meses. O contrato asinarase nos vindeiros días e as obras comezarán no mes de agosto.
O obxectivo é acondicionar esta estrada autonómica nun tramo de 6 quilómetros entre o centro urbano de Beariz, á altura do punto quilométrico 6+250, e o desvío ao núcleo do Couso, en Avión, no quilómetro 12+620.
As principais actuacións serán a ampliación da plataforma do viario ata os 7 metros, así como a rectificación dunha curva en Beariz (no pq 7+350) aumentando o radio dos actuais 30 metros aos 50 metros para mellorar así a seguridade, ademais da humanización da travesía de Liñares, xa na zona urbana en Avión.
Nesta contorna dotarase á travesía de beirarrúas e zonas de aparcamento ao mesmo nivel da estrada, para integrar adecuadamente o viario nesta zona urbana.
A actuación incluirá outras melloras complementarias, como o acondicionamento dos accesos existentes á estrada OU-212, a renovación da iluminación e das varandas de protección peonil, así como a reposición de servizos afectados e a renovación da sinalización, adecuándoa ao novo deseño da estrada.