A conselleira de Política Social e Igualdade visitou as familias que desfrutan duns días de vacacións na Residencia de Tempo Libre da Xunta en Panxón
A iniciativa ofrece ás familias a posibilidade de pasar unha estadía de seis noites a prezos asequibles e con prioridade para as numerosas, as de acollida ou as monoparentais
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá ás familias que están desfrutando duns días de vacacións na Residencia de Tempo Libre pública de Panxón grazas ao programa impulsado pola Xunta. Durante o encontro, sinalou que máis de 2.400 persoas se beneficiaran ao longo do verán desta iniciativa que se desenvolve nos complexos de Nigrán e do Carballiño.
Fabiola García lembrou que a Xunta de Galicia ofrece dentro deste programa 1.200 prazas na residencia de Panxón e outras 1.215 na do Carballiño. A iniciativa permite que os participantes gocen de estadías de seis noites en réxime de pensión completa. Ademais, tamén recordou que, un ano máis, o Executivo galego volveu conxelar os prezos para ofrecer unhas tarifas totalmente asequibles ás familias.
A conselleira tamén destacou que nos últimos anos a Xunta readaptou as quendas para poder adecuarse ás demandas das familias e chegar a un maior número de usuarios. Deste xeito, indicou que, ademais de beneficiar a máis persoas, as familias numerosas, acolledoras ou monoparentais tiveron acceso preferente en todas as quendas.
Na visita, Fabiola García puido acompañar aos participantes nalgunhas das actividades que realizaron na contorna da residencia e constatou que o programa impulsado pola Xunta “volve ser un éxito”. Ao respecto, trasladou a súa satisfacción por ver que “esta iniciativa emblemática permite a todas as familias, independentemente da súa situación, desfrutar dunhas vacacións para o recordo acompañados dos seus seres queridos”.