O BNG celebra este sábado en Carballeda de Avia un acto reivindicativo do 25 de Xullo

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) organiza este sábado, 19 de xullo, un acto político e festivo na contorna natural do Lodairo (Carballeda de Avia) para conmemorar o Día da Patria Galega. Baixo o lema “Galiza e O Ribeiro con forza, palabra, compromiso e tradición”, a formación nacionalista convida á veciñanza a participar nunha xornada de reivindicación, música e encontro colectivo.

O acto dará comezo ás 12,00 horas e contará coa intervención de Montse Prado, deputada do BNG no Parlamento galego, e Iolanda R. Draycott, representante do BNG en Carballeda de Avia. A xornada inclúe tamén a participación dun grupo de pandereteiras, símbolo da nosa tradición musical, e un vermú popular ao remate, creando un espazo de convivencia no que se unen cultura, identidade e acción política.

Desde o BNG salientan que este tipo de actos serven para reafirmar o compromiso coa defensa dos intereses do país e do rural galego, ao tempo que se dignifica a memoria colectiva e se aposta polo futuro da comarca do Ribeiro. O evento forma parte das actividades previas á gran mobilización nacional do 25 de Xullo en Compostela, convocada polo BNG co lema “Galiza Sempre. Unha nación en marcha pola súa soberanía”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------