A Botica de Doade: Unha viaxe pola historia da sanidade do pobo no rural galego

https://www.facebook.com/share/v/1A8qBX1BXx

A antiga Botica de Doade, na parroquia de Xirazga, no municipio de Beariz, xa é, dende outubro do pasado ano, un espazo divulgativo da historia sanitaria da comarca, así como da particular actividade profesional dun dos últimos ‘boticarios’ da Comunidade Galega. O proxecto de restauración e rehabilitación que se levou a cabo tenta revivir a contorna dun profesional sanitario cuxa labor diaria pode aínda recoñecerse nos restos dos produtos químicos e medicamentos conservados no local, uns traballos que permitiron abrila ao público en xeral para ser obxecto de visitas guiadas, que poden solicitarse no propio Concello de Beariz. O tenente de alcalde, Tomás Sancho, é o responsable desta actividade e guiou a Badal Novas polas estancias e tamén pola historia deste espazo único na provincia de Ourense, que taménreflexa a evolución sanitaria no rural galego.

Do mesmo xeito que estes e outros establecementos similares, que reflicten a imaxe da botica urbana dos séculos XIX e XX, a colección de produtos e envases que alberga esta botica é dun enorme interese cultural e científico pero non menor que o propio local, destacando neste punto a distribución dos seus espazos internos que representa un aspecto destacable fronte a outras boticas-museos, moitas das cales comparten a súa faceta museística coa súa vixente actividade comercial-profesional que levou, en moitos casos, a reorganizar os seus espazos concentrando todas as pezas e mobiliario en zonas concretas das mesmas, alleas, xa que logo, á súa distribución e localización orixinais.

Pola contra, a botica de Doade, fundada por Ramón Janeiro a mediados do século XIX, e que foi rexentada posteriormente por José e Darío Janeiro Ramos, presenta íntegramente todo o seu mobiliario e pezas distribuídos nos seus lugares orixinais, manténdose, igualmente, a distribución orixinal de cada unha das dependencias da botica, cos seus respectivos obxectos e utensilios. O visitante atoparase cun local dividido e adecuadamente organizado en espazos funcionais (zona pública, zona de lectura, despacho e laboratorio), cada unha albergando as pezas orixinais que facilitan a interpretación de cada actividade profesional, o cal debemos ás particulares condicións históricas que rodearon a vida do seu último propietario.

Asemade, a Botica de Doade xa recibíu recentemente e de xeito oficial a acreditación como membro do ‘Itinerario Cultural Europeo Aromas Salutis’, que ten como obxectivo a posta en valor do patrimonio farmacéutico e botánico europeo, slientando a importancia histórica e cultural das farmacias antigas e dos xardínas mediciñais no desenvolvemento da mediciña e a farmacoloxía en Europa. Ao respecto, o Concello de Beariz ten prevista a recreación, no patio traseiro da botica, dunha horta con plantas mediciñais para incorporala e integrala no espazo xeral das instalacions.

O alcalde de Beariz, Manuel Prado, e María Fe Fernández Somoza, herdeira da botica, asinaron no ano 2014 un convenio a 25 anos para o establecemento e conservación dun museo ou colección visitable nas instalacions, un acordo que fixo posible o acceso a un espazo que ilustra de xeito único como era a profesión dun sanitario na Galicia de finais do século XIX e principios do XX. Para a posta en valor do establecemento e do seu contido o concello de Beariz afrontou nun primeiro momento a realización das obras de restauración do chan e o mobiliario de madeira que estaba afectado por humidades e xilófagos, ademais de mellorar a instalación eléctrica e a iluminación do local. Estas obras que ascenderon a un total de 56.700 euros foron realizadas grazas a unha subvención da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia de 48.100 euros. Seguidamente procedeuse a inventariar o contido relacionado coa botica que resultou nun total de 2.708 fichas que identifican os máis de 4.000 elementos expostos. Este inventario exhaustivo foi realizado por María Vitoria Folgueira Fariña entre os meses de abril e xullo de 2021.


PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------