- O Panteón de Galegos Ilustres acolleu unha ofrenda floral a Castelao.
- Un roteiro polo Parque de Bonaval e polo Museo do Pobo Galego e un xantar de confraternidade completaron a xornada.
- O PNV contou con representación a través da senadora María Dolores Etxano.
Santiago, 25 de xullo de 2025. – Este venres o Partido Galego celebrou o Día Nacional de Galicia cun diverso programa de eventos, comezando por unha ofrenda floral a Castelao no Panteón de Galegos Ilustres.
Alí, o Secretario Xeral, Anxo Franco, comezou a súa intervención condenando o xenocidio que está a sufrir Palestina, indicando que tanto Israel coma Palestina “teñen dereito a existir”.
Lembrou que se fixeron 12 anos do fatídico accidente de Angrois, no que faleceron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas. “É o maior accidente ferroviario de España”, explicou. Tendo en conta que o maior tráfico de Galicia é con Portugal, invitou aos presentes a intentar ir en tren ou avión ata o país luso, algo que resulta moi difícil. Esta situación tamén se dá co Cantábrico e a nivel interno. “Probade a ir en tren a Lugo”, engadiu, “só estamos ben comunicados con Madrid”, concluíu.
Continuando co transporte ferroviario, lembrou que “non temos axudas para o tren”, pois as existentes substituíronse por unhas para o servizo de Cercanías co que non conta Galicia. Polo tanto, comentou, “temos que esixir melloras nas conexións por tren”, pois a única saída que temos os galegos é por vía marítima.
Tendo en conta que é o Día Nacional de Galicia e que en 2025 celébrase o Ano Castelao, Anxo Franco lembrou que Castelao e outros galeguistas como Alexandre Bóveda “viviron unha época convulsa” na que elaboraron un Estatuto de Autonomía pero na que o fascismo estaba ascendendo en Europa. Volvendo ao mundo actual, o fascismo “está ascendendo no mundo”. Debido a iso, avanzou, “hai que resistir con alternativas políticas”, pois “non nos queda Portugal”.
“Boto de menos ter formación didáctica na política”, sincerouse. Para el é necesario “que a xente teña formación política” e que se deixe “de facer política a golpe de tweet”. “Fai falta poñerse a falar, política máis devagar”, explicou.
Tamén sinalou outros problemas, como poden ser o da vivenda e o da situación da sanidade pública. En relación ao primeiro, lembrou que a Xunta ten competencias exclusivas en materia de vivenda pero que “a política acaba sendo municipal” e propuxo ofrecer vivenda pública á xuventude. No caso da sanidade, recriminou que as citas se dean, como mínimo, para “15 días ou tres semanas despois”. Indicou que “a sanidade pública funciona moi ben” e, para resaltar a súa importancia, comentou que “nos países que non teñen sanidade pública a esperanza de vida é menor”.
Pediu “coidar a democracia” e que cada poder exerza as competencias para evitar situacións
como a vivida en Cataluña, na que un tribunal decidiu as porcentaxes de uso do castelán e do catalán do Decreto Lingüístico.
O himno galego, interpretado polo Grupo Folk de Bonaval, pechou este acto. Despois, comezou un roteiro polo Parque de San Domingos de Bonaval – no que se visitou o antigo cemiterio, a horta e a carballeira – e polo Museo do Pobo Galego. Os participantes puideron coñecer o punto no que se instalou a primeira antena de radio de toda Galicia, a Porta do Vento e os labores de olaría e cestaría que eran habituais hai unhas décadas na nosa comunidade.
Para finalizar, celebrouse no Hotel Santiago Apóstolo un xantar de confraternidade no que participou unha trintena de membros do partido. Cómpre resaltar que se produciron ausencias por motivos laborais ou festivos.
Ao remate, o Coordinador Xeral, Xesús Ares, interviu para detallar os pasos que se están a dar desde a Executiva Nacional de cara ás municipais do 2027, nas que o partido ten como obxectivo superar a representación acadada no 2023. Tamén se referiu á boa relación que manteñen co PNV, partido que teñen como referente a nivel político dado que conta con representación a nivel nacional e unha estrutura consolidada.
Representación do PNV no acto
María Dolores Etxano, senadora do PNV, estivo presente en todos os actos. Tralo xantar dirixiuse aos presentes para dicir que “únenos ser unha nación sen estado” e reclamar “máis autonomía e máis independencia”. Resaltou a importancia de evitar a chegada “da dereita acompañada pola ultradeireita”. Resultoulle “curioso que a Xunta non apoie que se fale galego en Europa”. Rematou asegurando que as verbas de Castelao seguen vixentes a nivel político.
Anxo Franco volveu intervir para falar da necesidade de seguir traballando nos concellos, pois “ademais do voto que conseguiredes a nivel municipal, conseguirédelo a nivel de marca e partido” e, “en dous anos, isto pode e debe subir como a escuma”.