A utilización de un xeorradar permitirá mellorar as prospeccións no Castro de San Vicenzo de Avión

Tal e como adiantara a Badal Novas o director das excavacións, o arqueólogo Jorge Lamas, a Xunta de Galicia vén de aprobar a utilización dun xeorradar para conquerir unha delimitación máis precisa da estrutura do Castro de San Vicenzo de Avión, que foi obxecto o pasado mes de abril dunha segunda quenda de traballos de investigación. Esta concesión da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural foi posible grazas ás xestións realizadas dende o Concello de Avión, a Comunidade de Montes de San Xusto e a asociación cultural Vive Avión, e consistirá nunha prospección xeofísica, mediante a técnica de xeorradar e magnética, que, dende o colectivo cultural califican coma “un paso importante para seguir coidando e coñecendo o noso patrimonio”.

A segunda quenda de excavacions no Castro de San Vicenzo de Avión rematou a mediados do mes de abril do presente ano tras dúas semanas de traballos realizados por un equipo dirixido polo arqueólogo Jorge Lamas, e que estiveron centrados na consolidación e a restauración da segunda cabaña circular descuberta na primeira fase, que se desenvolveu o ano pasado. As características desta segunda vivenda castrexa non semellantes ás da primeira excavada na campaña de 2024, cun diámetro aproximado de 5,50 metros aínda que os seus muros resultaron un chisco más estreitos.

“Isto vén demostrar que estamos ante un asentamento que se pode datar entre os séculos III e IV antes de Cristo e o século I despois de Cristo”, comentábanos Jorge Lamas, que contou coa colaboración da arqueólogo Victoria Folgueira nas tarefas de restauración. Os traballos desta segunda fase deixaron ao descuberto pezas de cerámica que non apareceran antes, se ben o ano pasado o equipo de técnicos conseguíu un moi interesante achádego dunha lousa cun tríscele gravado e tamén unha cruz embolada, únicas nos centros castrexos das comarcas do Carballiño e O Ribeiro e as primeiras rexistradas en Galicia.

A iniciativa destas excavacions partíu da asociación cultural ‘Vive Avión’ e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de San Xusto, coa colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e o Concello de Avión. Un asentamento castrexo dunha extensión de 4 hectáreas e que se atopa a unha altitude de 615 metros, dominando unha ampla panorámica montañosa onde se poden ollar os cumes das serras do Testeiro e do Suído.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------