Recursos Minerais de Galicia, S.A. (promotora de Mina Doade) incorpora a Recursos de Galicia (RDG) ao seu capital social. Esta operación permitirá́ á empresa avanzar no seu proxecto de minería subterránea de extracción de minerais de litio e feldespatos en Beariz (Ourense), declarado estratéxico pola Unión Europea. RDG incorpórase ao Consello de Administración de Recursos Minerais de Galicia, S.A. A utility galega achega 750.000 euros mediante unha ampliación de capital do 10%, que quedará establecido en 7.500.000 euros. O 90% restante permanece en Grupo SAMCA.
Coa incorporación da sociedade público-privada RDG, a promotora de Mina Doade suma un investidor comprometido co proxecto e a estratexia da empresa mineira. Segundo José Manuel Saldaña, conselleiro de Grupo SAMCA: “Compartimos a visión de que os recursos minerais dun territorio deben crear prosperidade na súa contorna. Os nosos proxectos mineiros, desde hai máis de 100 anos, xeran valor compartido e impacto social nos lugares nos que desenvolvemos a nosa actividade”. “Este acordo permitirá a Grupo SAMCA profundar no seu compromiso co aproveitamento das materias primas de Galicia, que están chamadas a converterse nun piar básico da seguridade económica da Unión Europea”, engade José Manuel Saldaña. “Con esta alianza -valora o conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas- situamos a Galicia en condicións de avanzar en autonomía estratéxica”. E agrega: “Atopamos en Grupo SAMCA un socio que entende e comparte a nosa visión sobre os recursos naturais, a súa posta en valor sostible e a necesaria reversión no territorio dos beneficios inherentes a ela”. “Neste momento Europa é deficitaria en recursos minerais críticos e ten unha dependencia case total deste tipo de materiais. Na medida en que se poidan poñer en valor proxectos estratéxicos no noso territorio, como é o caso, incrementamos a nosa autonomía. Galicia convértese en xestora de recursos moi valiosos para a transición verde e o futuro industrial”, apostila Bruquetas.
Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuír a descarbonizar a economía, favorecer a autonomía estratéxica de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio recursos naturais-industria-sociedade e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. En definitiva, persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de Galicia e do seu tecido económico. De aí a súa lema: “Os nosos recursos, ao noso servizo”. Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, á vez que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. A Xunta de Galicia é o principal accionista.
A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do produto interior bruto da comunidade. Este accionariado compóñeno Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra spv de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra spv de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; ARP Global; Ain Active; Wind1000; Ence Terra; Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha spv de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Enerxía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal; Grupo Servizo Móbil; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Megaro Foods.