O PSdeG-PSOE de Leiro traslada á Confederación Hidrográfica inquedanzas sobre a xestión do Avia

O PSdeG-PSOE de Leiro vén de manter unha reunión co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, na que aproveitaron para trasladarlle as distintas necesidades do municipio, así como diferentes preocupacións en materia de xestións dos ríos e do dominio público hidráulico en Leiro.

Dende o grupo municipal socialista explican que no transcurso da reunión abordáronse diferentes cuestións tales como “o mantemento e mellora do paseo fluvial do río Avia, a situación das concesións e permisos de obras no dominio público, os problemas de acumulación de áridos e a necesidade de mellorar a seguridade e a protección ambiental no leito do río”. As e os socialistas sinalan que tamén se expuxeron propostas para avanzar na limpeza e conservación dos ríos e para facilitar o acceso á información e a coordinación co concello nas actuacións que se realicen no ámbito fluvial.

“Valoramos moi positivamente a receptividade e disposición ao diálogo do presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil, así como o seu compromiso para estudar as demandas trasladadas e buscar solucións que compatibilicen a protección ambiental coas necesidades do municipio”, afirman as e os socialistas.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, salienta que “é importante defender os intereses de Leiro, garantir a protección do noso río e avanzar cara un uso sostible e seguro dos espazos fluviais, coa colaboración das administracións competentes e con máxima transparencia”. O concelleiro socialista, Pedro José González, destaca a necesidade de “mellorar a coordinación entre concello e confederación para que as actuacións no río teñan un maior impacto positivo para a veciñanza e para o noso medio ambiente”.

Dende o PSdeG-PSOE de Leiro aseguran que continuarán realizando un seguimento destas cuestións e informando á veciñanza dos avances que se produzan.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------