
O medio cento de nenas e nenos que están a participar no campamento de verán do Concello de Avión tiveron hoxe a oportunidade de coñecer directamente determinados aspectos do traballo que desenvolven o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). O lugar escollido foi a localidade de O Sifón, na que está ubicada a nave do voluntariado, a piscina municipal e o Centro de Servizos Integrais Alvetus.
Ao longo da mañá, integrantes do GES e de Protección Civil, amosáronlle á cativada o funcionamento dunha lancha de salvamento acuático e dun dispositivo de evacuación aérea en suspensión, así coma o manexo dunha escopeta de lanzamento de bolas para eliminar os niños de velutina. En cada unha das situacións, as nenas e os nenos tiveron o seu protagonismo, xa que se subiron á lancha e desfrutaron dun paseo na balsa que a agrupación de emerxencias destina á recollida de agua para a extinción de incendios; subíronse a unha tirolina e practicaron o tiro con pequenas pelotas ao estilo paint-ball contra un blanco fixo, ademais de coñecer o interior dunha ambulancia.
O alcalde de Avión, Antonio Montero, desprazouse ata a zona das actividades e salientou que o obxectivo destas actividades é concienciar aos rapaces sobre o funcionamento dos grupos de emerxencias e sanitarios e os dispositivos e vehículos que utilizan na súa laboura, á vez que se divirten nesta época de lecer estival.