A calor e o vento reactivan o incendio declarado onte en Carballeda de Avia e que xa queimou 20 hectáreas

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 18,00 horas de hoxe martes, cun lume importante en Carballeda de Avia, activo dende as 13,00 horas de onte, na parroquia do mesmo nome, que segundo as últimas estimacións provisionais supera as 20 hectáreas. Pese a que estivo estabilizado, volve estar activo polas actuais condicións metereolóxicas de calor e vento, e para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 4 técnicos, 24 axentes, 36 brigadas, 19 motobombas, 3 pas, 1 tractor, 4 helicópteros e 7 avións.

Está activo un incendio forestal no concello pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, no que se vén de decretar a Situación 2 como medida preventiva. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Nogueiró. O lume iniciouse ás 16,23 horas de hoxe e segundo as últimas estimacións provisionais supera as 20 hectáreas. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 3 axentes, 7 brigadas, 6 motobombas, 4 pas, 2 técnicos, 3 unidades técnicas de apoio, 3 avións e 7 helicópteros.

Tamén segue activo o incendio forestal de Arbo, parroquia homónima, que se iniciaba onte ás 18,23 horas. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 23,55 horas de onte. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta arredor de 8 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 5 axentes, 12 brigadas, 9 motobombas e 2 helicópteros.

Desde as 22,28 horas de onte continúa estabilizado o incendio do concello lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada, que segundo as últimas estimacións provisionais supera as 20 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 10 axentes, 18 brigadas, 19 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 3 avións.

Desde as 3,42 horas de hoxe está controlado o incendio forestal do municipio pontevedrés de Meaño, parroquia de Xil, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 60 hectáreas de superficie arborada. O lume iniciouse ás 00,11 horas de onte martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnico, 10 axentes, 15 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.

Permanece tamén controlado, desde as 20,48 de onte, o lume do concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 47 hectáreas de superficie arborada. O incendio comezou ás 15,45 horas do luns e polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 4 técnicos, 16 axentes, 28 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 1 unidade técnica de apoio, 8 helicópteros e 9 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------