A ampliación da área industrial do Carballiño e Maside entra en fase de información ambiental

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Consellería de Economía e Industria acaba de remitir á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a súa tramitación ambiental o borrador do Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE) do parque empresarial de Carballiño-Maside, que afecta a estes dous municipios da comarca do Carballiño (Ourense) e que prevé crear 886.478 metros cadrados de solo para uso industrial.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Este proxecto conta con dúas zonas de actuación diferenciadas, xa que está localizado en dous municipios en ámbitos lindeiros entre eles. A primeira supón unha ampliación do  actual parque empresarial do Carballiño ata o suroeste; e a segunda desenvólvese integramente no concello de Maside, ao sueste da estrada OU-504.

O acceso viario ao novo parque empresarial farase a través dun enlace a distinto nivel desde a estrada OU-504, no caso do sector de Maside; mentres que no caso de O Carballiño empregaranse as conexións do parque xa existente. A localización desde novo polígono é estratéxica para toda a comarca, xa que está próxima ao acceso da autovía AG-53, que une a Autovía das Rías Baixas con Santiago de Compostela e a AP-9.

O borrador do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (Peose) que agora se remite á aprobación ambiental prevé crear 886.478 m2 de solo industrial, dos que 517.710 m2 son de superficie útil. Desde xeito, a Xunta, a través de Xestión do Solo de Galicia – Xestur, multiplicará por 2,6 a superficie do parque actual, que conta con 341.395 m2, e que está practicamente esgotado, xa que tan só hai unha parcela dispoñible.

O obxectivo do Goberno galego é tratar de axilizar o máximo posible o desenvolvemento de solo naqueles concellos e comarcas, como é o caso do Carballiño, onde se pode continuar desenvolvendo economicamente a zona pero sempre con respecto aos trámites administrativos e medioambientais e intentando acompañar ao tecido produtivo.

No caso da provincia de Ourense, o Goberno galego ten en marcha diversas actuacións en cinco parques empresariais para ampliar a dotación de solo industrial para as empresas. Ademais do polígono de Carballiño-Maside, está a executar as obras de urbanización de Xinzo de Limia e a tramitación dos proxecto de ampliación de San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz e O Pereiro de Aguiar.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------