Despois do éxito do seu último recital, o cantautor Emilio Rúa escolle de novo Boborás para celebrar o seu 25º aniversario sobre os escenarios, cun concerto moi especial na localidade de Moldes. O artista ourensán, nado no ano 1976 en Vendas da Barreira (Riós), estará acompañado pola Agrupación Musical de Boborás, sumando forza e emoción a esta data tan significativa.
A cita terá lugar o vindeiro domingo, 3 de agosto, dende as 18,00 horas, na ‘carballeira de Moldes’, ubicada na contorna do adro da igrexa do patrón desta parroquia, San Bieito. Un evento único que se enmarca no programa ‘Concertos do Xacobeo’, que conta co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Boborás.
No ano 2000, Emilio Rúa publica o seu primeiro disco de título homónimo, en lingua galega, e a súa canción “Vida miña” foi elixida como unha das 10 mellores cancións galegas de todos os tempos polos lectores de La Voz de Galicia. Asimesmo, Rúa ten dous premios nacionais de cantautores: “Cantigas de maio Ceutí” (2004) e “Novos cantautores de Elxe” (2006).
A temática dos seus traballos falan de Galicia en composicións propias como “As túas raíces”, “A aldea”, “Coroza”, “Interior” ou “Miña galega”, entre outros temas. Destacan tamén as súas versións persoais de temas populares galegos como “A Carolina”, “Pousa”, “A Rianxeira”, “María soliña”, “Lela” ou “Negra sombra”. En 2018 publica o seu disco “Duetos”. no que canta con Víctor Manuel, Pablo Milanés, Rozalén, Josele Santiago, Carlos Goñi, Sole Giménez e Carmen París, entre outros.