O Concello do Carballiño continúa coa súa aposta por unha programación estival ampla e variada, da que poidan desfrutar pequenos e maiores. Estes días estase celebrando a ‘Semana grande para pequenos’, unha proposta dirixida ao público familiar para desfrutar de actividades lúdicas ao aire libre. Tralo éxito de participación, o Concello decidiu ampliar a oferta infantil da fin de semana co espectáculo clown “Par de Dous”. O show levarase a cabo na Praza Irmáns Prieto (Praza das Monxas) ás 20,00 horas deste sábado.
Despois da festa do mundo mariño, que iniciou a Semana Grande, a festa “candy shop” e a festa da escuma, hoxe toca xincana deportiva e mañá, para pechar unha intensa semana, a rapazada desfrutará do gran espectáculo de maxia do Mago Charly Braun. As actividades lévanse a cabo na emblemática Praza da Veracruz a partir das 18,30 horas da tarde, para facilitar a conciliación das familias e evitar as horas de máis calor.
Xa o sábado, as familias do Carballiño están convidadas ao espectáculo de clown “Par de dous”, no que dous artistas combinas as súas habilidades con trucos de maxia sorprendentes para desfrutar dunha experiencia inesquecible.