A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, asinou esta tarde un convenio co alcalde de A Arnoia
O convenio co Concello de A Arnoia é o segundo que se asina, tras o rubricado co Concello das Pontes a finais de maio deste ano
Allegue destaca que este novo programa está a suscitar o interese de máis administracións locais, coas que xa se están a manter contactos
A conselleira anima a todos o Concellos a que se sumen ao programa “para que ningún solo público quede sen uso, porque cada parcela pode ser unha oportunidade para ofrecer futuro”
EscoitarCompartir
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, vén de asinar esta tarde en San Caetano co alcalde de A Arnoia, Rodrigo Aparicio, un convenio enmarcado no Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida. Así, a Xunta pon a disposición deste concello esta nova ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, unha parcela da súa titularidade para a construción de ata 5 vivendas protexidas.
O convenio con A Arnoia é o segundo que se asina, tras o rubricado co Concello das Pontes a finais de maio deste ano. A Xunta estima que no último trimestre deste ano poderán saír a concurso as parcelas de titularidade municipal no marco deste primeiro acordo, para que cooperativistas e promotores constrúan vivenda protexida na localidade.
M. Allegue destacou que a Xunta está xa en conversacións con outras administracións locais que amosaron interese no programa e incidiu en como a Xunta quere ser “un aliado” para as entidades locais. A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas puxo en valor que ademais do Programa de solos, o Goberno galego, entre outras medidas, pon a disposición dos concellos axudas para rehabilitar edificios de titularidade municipal para destinar ao alugueiro accesible, fondos de cooperación para darlles capacidade económica para rehabilitar e tamén, como novidade este ano, construír nova vivenda protexida.
A conselleira agradeceu ao alcalde a súa disposición e destacou o exemplo de A Arnoia, “que demostra como os concellos non tan grandes poden e deben acoller proxectos de nova vivenda protexida”. Tamén aproveitou para facer un chamamento para que se unan a esta iniciativa máis entidades locais, para que “ningún solo público quede sen uso, porque cada parcela pode ser unha oportunidade para ofrecer futuro”.