Nota de prensa do Bng de Cea

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Partido Popular de Cea impide ao grupo municipal do BNG a inclusión, no pleno deste pasado 28 de xullo, dunha moción de urxencia sobre a aprobación inicial do Plan Básico Municipal (PBM) de San Cristovo de Cea.

O grupo municipal do BNG, unha vez publicado no DOG do 19 de xullo de 2025 a RESOLUCIÓN da Dirección Xeral de Urbanismo pola que se somete a información pública a aprobación inicial do Plan Básico Municipal (PBM) do concello de San Cristovo de Cea e se abre un período de 2 meses para información pública e presentación de alegacións, presentou unha MOCION DE URXENCIA para a súa inclusión no pleno ordinario celebrado este 28 de xullo.

O alcalde do PP, co apoio do seu grupo, impediu que a moción fose tratada nese pleno ordinario, polo que cando se celebre o seguinte a finais de setembro xa se terá esgotado o prazo de alegacións.

Na súa moción para “QUE O CONCELLO INFORME AOS VECIÑOS DO PLAN BÁSICO MUNICIPAL E AMPLÍE O PERIODO DE ALEGACIÓNS”, o BNG pedía:

  1. Que o concello organice, con persoal técnico apropiado, reunións informativas abertas nas parroquias para explicar aos veciños as características e consecuencias derivadas deste plan.
  2. Ampliar o prazo de exposición pública e alegacións ata rematar o período de información.
  3. Completar o PBM incluíndo todos os elementos patrimoniais que faltan por contemplar.
  4. Habilitar un punto de atención á veciñanza para axudar a resolver dúbidas e asesorar na presentación de alegacións, con persoal técnico apropiado.

O BNG entende que este Plan Básico Municipal é un fracaso dun goberno que, despois de máis de 30 anos, non foi capaz de aprobar un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) propio, elaborado desde Cea, debatido coa veciñanza e os seus axentes sociais, adaptado e pensado para a realidade deste concello e con perspectivas de futuro. Pese a telo practicamente redactado un PXOM desde fai anos, sempre se foi retrasando con diversas desculpas e o alcalde nunca foi quen de presentalo.

Agora, e promovido desde a Xunta, elaboran desde fora do Concello este plan básico co que pretenden evadir un PXOM e sométeno a exposición pública durante o período vacacional, evitando que a Corporación Municipal nin sequera trate o tema e obrigando a que os veciños aleguen diante da Xunta de Galiza, quen resolverá. Este é un exemplo claro das políticas do PP, que escapan da toma de decisións que podan suscitar un debate social, tendo como fin só perpetuar o poder, lastrando o presente e futuro dos concellos que gobernan e botando balóns fora como se non tivera importancia. Elaboran un plan base onde a veciñanza só pode presentar alegacións, sen participar na toma de decisións, a cal pasa por Compostela.

Un plan desta envergadura precisa transparencia e información á veciñanza, pero o grupo de goberno unha vez máis mantén o escurantismo e a falla de información, sen explicar as características e consecuencias que deste plan podan derivarse, actuando de costas a quen supostamente din defender e que poden saír prexudicados ou favorecidos.

Por outra banda, os elevados gastos a realizar no centro da vila (máis de 700.000 €), para levantar rúas en bo estado e colocar conducións separadas para augas fluviais e residuais de pouco vai servir se a depuradora á que se dirixen non funciona. Este tipo de inversións, repetidas nos mesmos lugares, contrasta co abandono do resto do concello, incapaces de asinar un convenio eficaz para a limpeza, cando menos, das pistas forestais, e camiños de carro tupidos de maleza e árbores.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------