Arnoia servíu 3.000 quilos de produto na festa de exaltación do pemento

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

https://www.facebook.com/share/v/16jtNbwTzR

Un fin de semana intenso o que viviron as veciñas e veciños da Arnoia que se adican ao cultivo do exquisito produto que é o pemento, que posúe a súa Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Dende o venres, día 1, ata onte domingo, día 3 de agosto, esta localidade da comarca do Ribeiro acolleu a ‘XLVI Festa do Pemento’, declarada de Interese Turístico Galego, cun amplo programa de actividades gastronómicas, de lecer e musicais, tendo como epicentro a paraxe natural de A Queixeira.

A inauguración do festexo contou coa presenza do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, que, acompañado dos directores de Turismo, Xosé Merelles, e da Agacal, Martín Alemparte, e do presidente da Deputación, Luis Menor, foron recibidos polo alcalde da Arnoia, Rogelio Aparicio, con amenización musical do grupo de gaitas Airiños da Arnoia. A continuación, acendéronse os fogós para a fritura dos pementos, que nesta edición achegáronse á cifra dos 3.000 quilogramos para atender á demanda nas tres xornadas do evento. O pregón correu a cargo de Alfredo Dourado, vocalista e director do afamado grupo A Roda, que tamén actuaría pola noite, mentres a verbena correu a cargo da orquestra Panorama.

A xornada do sábado abríase coa concentración ‘A Arnoia’ de vehículos clásicos, e a charanga Bandiños Band poñía a nota musical á hora degustar os pementos. Pola tarde, o protagonismo foi para a cativada na área recreativa do Inquiau, con xogos, escuma e olimpiadas, entre outras actividades. Á noitiña tivo lugar a novena edición do ‘Festival de Pandereteiras Arnoia Viva’, no que participaron as agrupacións Celavella, Queixume dos Pinos, Airiños de Arnoia, O Forrollo e Feitizo de Pau.

Unha misa coa ofrenda dos froitos da terra tivo lugar no campo da festa, co acompañamento da coral Cantores de Arnoia, inaugurando a programación do domingo, que tivo á charanga CLK como animadora no recinto de A Queixeira, onde os pementos fritidos tiveron unha excelente acollida, antes do peche, pola noite, coa actuación do grupo de versións Dr. Slump Banda.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------