O Equipo Roca da Garda Civil de Ourense, no marco da operación “Sigilum”, detivo a dous veciños de Madrid de 38 e 35 anos de idade, como presuntos autores dun delito de roubo con forza e catro delitos de furto cometidos etre abril e xullo do presente ano.Os autores seguían un patrón definido, cometendo os feitos co mesmo modus operandi. Pernoitaban en Portugal, próximos á fronteira con Verín. Durante o día desprazábanse pola Comunidade Galega, dirixíndose a polígonos industriais. Seleccionaban o obxectivo, mentres un dos detidos quedaba no vehículo, o outro accedía ás oficinas (aproveitando que a persoa da oficina ausentábase) e apoderábase de diñeiro en efectivo.
O primeiro furto produciuse o día 2 de abril nun taller situado no Polígono de San Cibrao das Viñas, o día 1 de xullo cometeron outro ilícito noutro taller do mesmo Polígono. O dia 2 de xullo entraron nun taller sito no polígono de Barro (Pontevedra) e ese mesmo día ao seu regreso cometeron un roubo con forza (forzando un caixón pechado con chave) nunha nave ubicada no municipio de Maside.
O pasado 16 de xullo cometeron outro furto nunha nave de Cambre (A Coruña). O valor total do substraído ascende a 5.000 euros en efectivo. A Garda Civil tras ter coñecemento dos feitos delituosos, inicia unha investigación, e consegue identificar os autores e o vehículo utilizado, realizando varios seguimentos, o pasado día 5 de agosto establecen un dispositivo de seguridade e tras localizar o vehículo proceden á detención dos presuntos autores dos cinco feitos delituosos na autovia A-52, concretamente, na saída de Trasmiras.
O Xulgado de Instrución Nº1 de Ourense encárgase das dilixencias deste caso.