Os corenta anos das Xornadas de Folclore de Ourense iniciaron na tarde de onte a súa andadura pola provincia con unha colorida e sinxela cerimonia inaugural, que este ano acolleu o Centro Cultural Marcos Valcárcel. As bandeiras dos seis países participantes foron portadas por representantes das agrupacións, agás a de Filipinas, xa que o grupo, por mor de horarios de chegada, non poido estar.
O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, felicitou aos organizadores pola “gran acollida” das Xornadas que definiu como “evento clásico do verán na provincia” e puxo en valor o seu “carácter dinamizador” xa que “enchen de vida o rural durante dez días”. Fernández tamén reivindicou a “cooperación” entre institucións e entidades para que un ano máis este evento cultural estea “máis que consolidado no panorama da música e a danza tradicional en Galicia”. Por outra banda, deu a benvida aos grupos dos distintos países e convidounos a “desfrutar de cada recuncho da provincia”, destacando o “espírito acolledor” das xornadas e da veciñanza ourensá.
Esta cita co folclore de diversas partes do mundo está organizada pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos que acollen este evento. Ata o próximo 21 de agosto as agrupacións Huayra Muyoj de Arxentina, Ballet F. Municipal de Rancagua de Chile, Phicas of BC de Filipinas, Royal Tara Dance Academy de Irlanda do Norte, Folk Dance Ensemble Volynianka de Ucraína e ‘Tsumu’ de Georgia despregarán en 16 vilas ourensás un abano das músicas e bailes tradicionais dos seus países, en horarios de 20.30, 22.30 e 23.00 horas.
O evento comeza hoxe en Bande e Allariz. Os asistentes esta noite ao Festival na Praza da Constitución de Bande poderán gozar coas danzas e o os ritmos do Ballet F. Municipal de Rancagua de Chile, Royal Tara Dance Academy de Irlanda do Norte e ‘Tsumu’ de Xeorxia. No campo da Barreira de Allariz actuarán Huayra Muyoj de Arxentina, Phicas of BC de Filipinas e Folk Dance Ensemble Volynianka de Ucraína. Será ás 22,30 horas. Tódalas actuacións son gratuítas.
O grupo que abre estes dez días de festa cultural é o Ballet F. Municipal de Rancagua de Chile, fundado no 2008 por unha iniciativa da Ilustre Municipalidade de Rancagua. Na actualidade conta con medio cento de integrantes, entre bailaríns e músicos, que se adican á recuperación, transmisión e posta en escena dos costumes e tradicións relacionadas co folclore do país chileno. No seu repertorio a agrupación fai un percorrido pola xeografía do país sudamericano, dende o norte até o sur, incluíndo a illa de Pascua. Tamén amosan a diversidade de manifestacións étnico-culturais que conforman a poboación chilena: o carnaval norteño, a danza afro-boliviana ou a de orixe español.
Mañá, 13 de agosto: Manzaneda e Maceda
O Patio do Colexio de Manzaneda acollerá, ás 22,30 horas, o espectáculo das agrupacións folclóricas de Arxentina, Filipinas e Ucraína.
A Rúa do Toural, de Maceda, recibirá, ás 22,30 horas, aos compoñentes dos grupos de Chile, Irlanda do Norte e Xeorxia.