A organización do festival ‘Arteficial 2025’ programa para o vindeiro 6 de setembro o obradoiro “Coas mans no pasado. A cerámica”, que será impartido por Begoña Garrido, historiadora e especialista en didáctica do patrimonio. Esta actividade está orientada á participación de tódolos públicos e terá lugar no Museo Etnolóxico de Ribadavia en horario de 18,30 a 19,45 horas, para un total de 20 prazas. As incricións poden formalizarse no correo begogal@xeitura.com.
Da man de Begoña Garrido, do Grupo Xeitura, proponse unha exploración da cerámica desde a súa función esencial na prehistoria ata as súas expresións contemporáneas, pasando pola rica tradición oleira galega. A actividade combinará contido histórico e práctica manual, cun achegamento ás técnicas tradicionais de moldeado en barro.
Os participantes inspiraranse en pezas conservadas no Museo Etnolóxico, de xeito que poderán crear unha peza seguindo métodos transmitidos ao longo dos séculos.Un espazo para reflexionar sobre a continuidade das formas de vida, o valor da man como ferramenta, e a memoria que reside nos materiais.