Mino protagoniza mañá na Praza Maior o concerto de agosto do ciclo ‘Feito no Carballiño’

A sexta edición do Ciclo de Música na Rúa ‘Feito no Carballiño’ terá mañá como protagonista ao cantautor carballiñés Mino, que ofrecerá o mellor do seu repertorio de melodías da súa autoría e tamén versións de míticas cancións de música pop, rock e folk-rock, acompañado polo guitarrista Alfonso Aydillo. A cita terá lugar na Praza Maior da vila do Arenteiro a partir das 20,30 horas.

Esta actuación enmárcase na programación do ‘Verán Cultural 2025’ e será a única en agosto do ciclo musical promovido polo Concello do Carballiño para poñer en valor aos artistas locais. No pasado mes de xullo, xa ofreceron concertos Zeltia Irevire, Elos, Cervan, Sueños de Ítaca, Alexandre Cabanelas Trío, Roberto Sobrado e Sezz, que convocaron a centos de asistentes durante os seus respectivos recitais.

Xa en setembro, será a quenda dos grupos Five Pipers, Susi Q’s e Os Kambotes, nunha cita que terá lugar na praza dos Irmans Prieto o venres día 12 dende as 20,30 horas.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------